As voces do cantante Francisco e da artista galega Yoli Saa encherán esta noite o escenario de 'Luar' - CSAG
As voces do cantante Francisco e da artista galega Yoli Saa encherán esta noite o escenario de 'Luar'
Los Coleguitas e Javier Ojeda tamén actúan nunha edición do programa en que toca despedir catro recanteiros

Santiago, 20.11.2026.- O programa ‘Luar’ (21:45 h) recibirá hoxe a visita do cantante Francisco, cuxa voz lle puxo banda sonora ás lembranzas de varias xeracións, e que segue soando igual de forte. O cantante valenciano volve cun novo traballo discográfico, ‘De cobardes no hablarán’, que presentará no escenario do programa. Ao longo da súa carreira, publicou máis de 30 álbums, enchendo auditorios de toda España e Hispanoamérica. Tras o éxito da súa última xira, ‘40 anos contigo’, o artista estrea unha nova etapa con este disco, que inclúe 13 cancións coas que demostra por que segue a ser unha das voces máis grandes e queridas da música en español.
Tamén estará este venres no escenario de ‘Luar’ Yoli Saa, artista galega residente en Madrid que chegou á capital coa intención de facerse un oco no panorama musical nacional. Ademais de crear as súas propias cancións, tamén traballou como compositora para outros artistas. O seu carisma, a nudez que caracteriza cada unha das súas letras sobre o amor e o desamor e cada sentimento que plasma convertérona xa nunha das artistas con máis proxección do país.
Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Laura Boado contará coa presenza de Los Coleguitas e de Javier Ojeda, a inconfundible voz de Danza Invisible e un dos referentes máis queridos do pop-rock español, que interpretará o mítico ‘Sabor de amor’ xunto a Caos Armónico.
Na sección de ‘Playback’, ‘Luar’ contará esta semana co presentador da TVG e actor David Vilares. En canto ao humor, visitan o programa Sabela Grilo (o personaxe interpretado por María Foscaldo), Carla e Marcos, de Todo Mal, e dúas personaxes novas: ‘Os da comisión’, interpretados por Víctor Fábregas e Marcos Pereiro.
En ‘Recantos’ é noite de expulsión, polo que toca despedir catro recanteiros nesta primeira fase do concurso. Os participantes aos que hoxe lles toca actuar son Noemí Calvo, procedente da Costa da Morte, e Paula Puga, representante da comarca Terras de Compostela.