div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As traiñeiras da ACT e da Liga Galega, protagonistas durante a fin de semana na G2 e AGalega.gal

Os espectadores poderán ver en directo as bandeiras da Pobra, de Bilbao e de Ziérbena

A axenda de retransmisións complétase cos partidos Galicia-Cataluña de fútbol sala, o Rally Rías Baixas e o Mundial de Motocrós MXGP desde Suráfrica

csag.gal 03/07/2026 02:00

Santiago, 03.07.2026.-    A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ofrece esta fin de semana unha completa programación deportiva a través da G2 e AGalega.gal, con retransmisións en directo de fútbol sala, traiñeiras, rallys e o Gran Premio de Suráfrica do Mundial de Motocross.

O venres, ás 20.30 h, a cita é para o amigable de fútbol sala entre as seleccións absolutas masculinas de Galicia e Cataluña desde o Pavillón dos Deportes de Lugo. O encontro é a volta dun dobre enfrontamento que conta con campións de Liga polo Barça como Miquel Feixas, Eric Martel e Sergio González.

O sábado, ás 11:30 h, chegará a cita feminina entre os dous combinados autonómicos. Pola tarde, a G2 e AGalega.gal ofrecen a xornada da Liga ACT desde Bilbao a partir das 17:20 h, coa participación das embarcacións galegas Ares e Chapela na categoría masculina. Na primeira proba disputada na comunidade madrileña a pasada fin de semana, os nosos equipos obtiveron a peor puntuación entre os doce participantes.

Antes, ás 17:00 h, a plataforma emitirá a Bandeira da Pobra, da Liga Galega de Traiñeiras. Tras a estrea do pasado sábado en Narón, Samertolameu é o líder, con Cabo de Cruz na segunda posición e Mecos completando o primeiro podio da temporada na categoría masculina.

Por último, ás 20:00 h, os espectadores da segunda canle da TVG e de AGalega.gal poderán presenciar en directo o treito nocturno urbano do Castro, na 59ª edición do Rally Rías Baixas, quinta proba do calendario no Supercampionato de España. Este trazado pecha unha xornada que incluíu especiais en Vigo-Nigrán, Gondomar-O Porriño e Salceda-Ponteareas, cun total de case 127 quilómetros cronometrados. Na loita polo título desta edición destaca o líder da clasificación, José Antonio ‘Cohete’ Suárez, con 142 puntos, seguido por Iván Ares, con 108, e Álvaro Muñiz, con 103.

Xa o domingo, ás 11.15 h, volverán á G2 e a AGalega.gal as embarcacións da Liga ACT, coa Bandeira de Ziérbena. Ao remate, contra as 14:00 h, chegará o Gran Premio de Suráfrica do MXGP desde Johannesburgo, con dúas mangas. O Terra Topia Motocross Track acolle a proba de motocrós, que supón o regreso do Mundial da especialidade ao continente africano despois de 18 anos de ausencia. Os afeccionados galegos confían en que o vigués Rubén Fernández repita a actuación da semana pasada en Portugal, onde rematou quinto para manter a sétima posición na clasificación xeral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade