div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

AGalegaAudio.gal estrea ‘3x3’, un novo podcast de baloncesto 

O seleccionador español feminino, o vigués Miguel Méndez, é o convidado do primeiro programa, no que tamén se repasan os triunfos do Breogán e do Obradoiro na estrea da ACB

csag.gal 29/09/2026 12:38

Santiago, 29.9.2026.-  A Radio Galega pon en marcha ‘3x3’, un novo podcast semanal dedicado á actualidade do baloncesto galego e estatal. O espazo estará conducido por Pedro Pablo Alonso, narrador dos partidos de ACB e Liga Feminina Endesa na TVG; Tomás Alonso, xornalista da canle autonómica; e Iago Casal, adestrador e comentarista de baloncesto da TVG. Poderá escoitarse en AGalegaAudio.gal e, ademais, todos os venres, sobre as once da noite, dentro do espazo ‘Galicia en goles’, na FM da Radio Galega.

O primeiro programa conta como convidado co seleccionador español de baloncesto feminino, o vigués Miguel Méndez, que este mes de setembro logrou o bronce no Mundial de Alemaña coa selección española, tras superar a Alemaña (81-58) no partido polo terceiro posto disputado en Berlín, cunha Iyana Martín inspirada (22 puntos, 9 asistencias). España volveu así ao podio mundialista tras caer nas semifinais fronte a Estados Unidos, campión do torneo.

Pedro Pablo Alonso, Tomás Alonso e Iago Casal repasan con Méndez a actualidade da selección e analizan tamén os resultados dos equipos galegos na primeira xornada da Liga Endesa. O Breogán estreouse cunha vitoria de escándalo no Pazo dos Deportes ante o Joventut Badalona, campión da Supercopa Endesa, por 110-104, nun partido no que Danko Brankovic (29 de valoración) e Francis Alonso levaron o peso do ataque celeste. O Obradoiro tamén sumou os dous primeiros puntos na súa volta á ACB, mentres que o Básquet Coruña caeu no Palau Blaugrana fronte ao Barça (119-101), nun choque no que plantou cara durante tres cuartos.

‘3x3’ seguirá cada semana a actualidade do baloncesto galego, cun ollo posto tamén na Liga Femenina Endesa, que arrinca este fin de semana. O feito de que tres equipos galegos compitan tanto na ACB (Breogán, Obradoiro e Básquet Coruña) coma na Liga Femenina Endesa (Uni Ferrol, Ensino e Celta) amosa o gran momento que vive o baloncesto galego, cun total de seis equipos nas máximas categorías estatais, masculina e feminina, e cunha canteira que segue a dar froitos como o do propio Miguel Méndez ao fronte da selección española.

Con esta nova proposta, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal amplían a súa aposta polo baloncesto e ofrecen un espazo de análise e debate arredor dun deporte que vive un momento de auxe en Galicia, con clubs históricos consolidados na elite e un fluxo constante de talento propio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade