div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

AGalega.gal programa unha sección 'Especial Oliver Laxe' coas súas películas

Os medios públicos celebran así a selección da longametraxe ‘Sirat’, do cineasta galego, como candidata española aos Premios Óscar 

Os filmes ‘O que arde’ e ‘Mimosas’, premiados no Festival de Cannes, e o seu documental ‘O futuro é das cabras’ están xa dispoñibles

csag.gal 18/09/2025 12:14

Santiago, 18.09.2025.-    Con motivo da selección da película galega ‘Sirat’ como candidata española aos Óscar, a plataforma AGalega.gal ofrece unha sección especial dedicada ao seu director, Oliver Laxe, coas súas longametraxes ‘O que arde’ e ‘Mimosas’ e o documental ‘O futuro é das cabras’.

‘O que arde’, gañadora de dous Premios Goya e do premio do xurado na sección ‘Un certain regard’ de Cannes, foi rodada nos montes dos Ancares e reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais en Galicia e as relacións veciñais a partir da historia dun pirómano que volve á casa da súa nai despois de pasar polo cárcere. Amador Arias e Benedicta Sánchez son os protagonistas desta relación entre nai e fillo.

Pola súa parte, ‘Mimosas’, tamén premiada en Cannes, retrata unha viaxe que se converte nunha fazaña mística entre o amor e a fe. E ‘O futuro é das cabras’ ofrece unha visión do futuro de Galicia a través dunha narrativa singular.

Deste xeito, os usuarios da plataforma dixital dos medios públicos poden achegarse ao traballo deste cineasta galego, noticia estes días pola selección de ‘Sirat’, a súa última película, para representar a España na vindeira edición dos Óscar. A viaxe dun pai pola inmensidade do deserto marroquí para buscar a súa filla cruzará así o océano para competir en Hollywood, onde aínda deberá pasar dúas peneiras máis para chegar a ser candidata na gala que se celebrará nos Ánxeles o vindeiro 15 de marzo. A película era a favorita nunha terna que tamén incluía ‘Romería’, de Carla Simón, e ‘Sorda’, de Eva Libertad. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade