div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG presenta no Ourense Film Festival as ficcións 'Clínica Miranda' e 'O asasino do pelo roxo'

Mañá sábado estréase no OUFF o documental ‘Kiro’, sobre a figura da cantante galega Ana Kiro, participado pola Televisión de Galicia

O Teatro Principal da cidade acollerá o xoves a proxección do primeiro capítulo da serie ‘Clínica Miranda’, que chegará nas vindeiras semanas á pantalla 

A plataforma AGalega.gal retransmite hoxe a gala inaugural do OUFF, ás 20:00 h

csag.gal 25/09/2026 10:55

Santiago, 25.09.2026.-  A estrea do documental ‘Kiro’, dedicado á figura da cantante galega Ana Kiro é a primeira cita da TVG na 31ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se celebra entre o 25 de setembro e o 4 de outubro. Ademais, Televisión de Galicia presenta no festival dúas propostas de ficción propia para este outono, as series ‘Clinica Miranda’ e ‘O asasino do pelo roxo’. A gala inaugural do OUFF poderase seguir en directo, a través da plataforma AGalega.gal hoxe, ás 20:00 horas.

O documental  ‘Kiro’ xira arredor da figura e carreira da cantante galega Ana Kiro, unha cantante icónica e unha das estrelas e presentadoras da TVG durante décadas. Esta produción participa na sección oficial ‘Panorama Galicia’, categoría competitiva que reúne algunhas das obras máis destacadas da creación audiovisual galega recente. Estrearase no Teatro Principal, este sábado, ás 17:00 horas, e volve proxectarse o martes 29, ás 22:00 horas.

Dúas series para o prime time da TVG

TVG presenta nesta edición do OUFF dúas das novas series de ficción que chegarán nos vindeiros meses á pequena pantalla. O xoves día 1 o Teatro Principal de Ourense acolle a proxección (19:30 h) do primeiro capítulo da serie ‘Clínica Miranda’ dentro da sección Fóra de Serie do festival. A produción está ambientada na Pontevedra dos anos 60, nun prestixioso centro sanitario que vive unha profunda transformación coa chegada dun brillante cirurxián formado en Nova York. A acción desenvólvese entre quirófanos, convencións sociais, conflitos de poder e a relación prohibida entre o cirurxián Mario e unha enfermeira de orixe humilde e extraordinario talento. Producida para a TVG por La Región Televisión e Outro SL, coa participación de Kraken Media, a serie está dirixida por Simón Casal e ten como intérpretes a Lucía Regueiro, Adrián Castiñeiras, Luís Iglesia, David Vilares, Sara Ferro ou Nacho Nugo. 

E dentro da sección Xanela do OUFF, que acolle proxectos audiovisuais galegos en desenvolvemento, terá lugar a presentación da ficción ‘O asasino do pelo roxo’, serie sobre un crime que conmocionou Galicia e cuxa investigación se prolongou durante anos. Gravada integramente en galego, a produción combina en seis capítulos a reconstrución dos feitos coa análise da investigación policial e do impacto humano do crime na familia da vítima e na comunidade. 

A serie está producida por Zenit TV para a TVG, dirixida por Inés Pintor, e conta no seu elenco con Manuel Estévez, Sergio Abelaira, Adrián Ríos, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño, entre outros. A presentación terá lugar o mércores día 30 (12:00 h) no café Ceres 1894 de Ourense.
    

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade