A TVG estrea hoxe 'Expediente Oculto', un novo formato de investigación que combina xornalismo de sucesos, reconstrución de crimes reais e exploración do misterio - CSAG
A TVG estrea hoxe 'Expediente Oculto', un novo formato de investigación que combina xornalismo de sucesos, reconstrución de crimes reais e exploración do misterio
Conducido por Patricia Abet, que estará acompañada por unha mesa de especialistas e perfís vinculados a cada historia, propón unha ollada rigorosa e transversal e pretende implicar o espectador no proceso de análise

Santiago, 28.12.2025.- Este domingo pola noite chega á TVG ‘Expediente Oculto’ (22:00 h), un novo formato de investigación que propón unha ollada rigorosa e transversal sobre crimes reais, actualidade xudicial e social, así como lendas e misterios de Galicia. Esta nova aposta non nace unicamente para informar, senón para implicar o espectador no proceso de análise, convidándoo a seguir a evolución de cada caso, a contrastar puntos de vista e a formular as súas propias preguntas a medida que avance o programa.
‘Expediente Oculto’ será conducido pola xornalista especializada en sucesos Patricia Abet, que estará acompañada no estudio por unha mesa de especialistas e perfís vinculados a cada historia: representantes das forzas e corpos de seguridade, expertos en criminoloxía e colaboradores con relación directa cos feitos ou cos testemuños.
Cada entrega do programa artellarase en tres grandes liñas: a actualidade máis inquietante, centrada en sucesos recentes, procesos xudiciais en curso e cuestións de impacto social; un caso criminal analizado con cronoloxía, probas e contexto, desde unha perspectiva xurídica e humana, e un tramo final dedicado á exploración do misterio, a través de enclaves e testemuños sobre fenómenos difíciles de explicar, tratados con documentación e espírito crítico.
A Televisión de Galicia reforza así a súa aposta por contidos de proximidade e pola súa vocación de servizo público. O formato combina investigación, divulgación e participación, cunha factura visual coidada, en que se utilizará a realidade aumentada para visualizar probas, mapas e liñas temporais, e cunha narrativa pensada para implicar a audiencia programa a programa.
O eixe central do primeiro programa de ‘Expediente Oculto’ será o caso de Ana Enjamio: unha reconstrución das súas últimas horas e un avance da análise do crime, co testemuño da súa nai como peza clave do relato. No bloque de lendas, o equipo investigará a Casa da Peste, cun percorrido polo enclave, recreación da historia e recompilación de testemuños vinculados ao lugar.
O bloque de actualidade completará o programa deste domingo con tres asuntos: a situación actual do Chicle no cárcere, o caso do autobús sinistrado na ponte do Lérez na Noiteboa de 2022, e o suceso de Baiona, onde unha muller de idade avanzada faleceu tras ser arrastrada polo mar mentres intentaba facerse un selfie.
