div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG estrea esta noite 'Antes de Nós', a primeira película sobre a figura de Castelao

Participada pola Televisión de Galicia e baixo a dirección de Ángeles Huerta, este drama histórico protagonizado por Xoán Fórneas e Cris Iglesias amosa a faciana máis persoal do galeguista

Coa emisión deste filme e o seu making of, así como da serie documental ‘Xeración Nós’, a CSAG conclúe a programación especial dedicada nesta semana a Castelao 
 

csag.gal 01/02/2026 00:01

Santiago, 1.2.2026.-  Televisión de Galicia estrea esta noite ‘Antes de Nós’ (21:55 h), longametraxe participada pola canle pública galega, dirixida por Ángeles Huerta e centrada na faciana máis persoal de Alfonso R. Castelao. Nesta primeira película sobre a figura de Castelao,  descóbrense momentos únicos do icónico galeguista xunto á súa muller Virxinia Pereira, clave para entender a figura do político. 

‘Antes de Nós’ é un drama histórico que explora a vida de Castelao antes de converterse no recoñecido home público, enfocándose en dous momentos clave: o seu traballo como médico en Rianxo durante a pandemia da gripe de 1918 e a súa viaxe á Bretaña en 1929, despois da morte do seu único fillo. Na primeira etapa, Castelao é un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, mentres que a viaxe destes dous seres rotos uniraos para sempre. 

Xoán Fórneas e Cris Iglesias encarnan a parella protagonista, que encabeza un elenco formado tamén por Nancho Novo, Aldám Santos Vilela, Manuel Cortés, Isabel Vallejo, Adrián Ríos, Miquel Insúa, Sergio Zearreta e Victoria Teijeiro, entre outros.
 
A rodaxe levouse a cabo en distintos escenarios de Galicia, como Rianxo, Compostela, A Estrada, Muros e Pontevedra. ‘Antes de Nós’ está producida por Zenit TV e Retrincos AIE e conta coa participación da TVG e co apoio da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), e a colaboración das Deputacións de Pontevedra, Lugo e Ourense, así como do Concello de Pontevedra. 

Deseguido o making of da película, ‘Antes de Nós: o Castelao máis íntimo’    

Tras a estrea da película, a TVG emitirá o seu making of (23:25 h) que ofrece unha ollada ao traballo que hai detrás das cámaras, con imaxes dos ensaios, localizacións, escenas da rodaxe, vestiario, música e entrevistas con membros do equipo técnico e artístico.

A serie documental ‘Xeración Nós’, esta noite na G2 

A G2 e a plataforma dixital AGalega.gal emiten esta noite (23:55 h), pola súa parte, a serie documental ‘Xeración Nós’ (capítulos 1 e 2), ambientada nos anos vinte do século XX, cando un grupo de intelectuais, a Xeración Nós, proponse redescubrir Galicia cunha nova mirada científica e artística, coa intención de situar a cultura galega á altura do resto de culturas universais. Con todo, o auxe do fascismo en Europa e a chegada da democracia en España xeraron unha división no movemento galeguista, especialmente, entre dúas das súas figuras máis representativas, Vicente Risco e Castelao. 

Coa estrea do filme ‘Antes de nós’ e coa emisión do making of da película, así como da serie documental ‘Xeración Nós’, a CSAG conclúe a programación especial dedicada nesta semana a Castelao, que baixo o epígrafe ‘Universo Castelao’, conmemorou o 140 aniversario do nacemento deste gran referente da nosa cultura.

Tras a emisión da película en TVG, ‘Antes de Nós’ estará dispoñible na plataforma AGalega.gal por un tempo limitado de 48 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade