A TVG busca protagonistas para o seu novo programa, 'A Brillar', presentado por María Mera - CSAG
A TVG busca protagonistas para o seu novo programa, 'A Brillar', presentado por María Mera
‘A Brillar’ abre oficialmente o seu proceso de cásting por toda Galicia
O novo programa da Galega mostrará procesos de transformación de imaxe, historias especiais e persoas reais con ganas de redescubrir a súa mellor versión

Santiago, 20.11.2026.- Televisión de Galicia busca os protagonistas de ‘A Brillar’, a súa nova proposta de entretemento, que estará presentada por María Mera. O programa despregará a primeira pasarela da televisión galega, pola que desfilarán persoas reais que viviron experiencias que marcaron un antes e un despois nas súas vidas e que agora queren dar un paso adiante, transformar a súa imaxe e contar a súa historia.
‘A Brillar’ abre estes días oficialmente o seu proceso de cásting por toda Galicia para atopar persoas que queiran vivir unha transformación, redescubrirse e poñer en valor aquilo que as fai especiais. Porque cada persoa ten unha historia e unha maneira única de brillar, e ás veces só necesita unha oportunidade para volver descubrila. O cambio de imaxe será o punto de partida para achegarse ás vivencias e motivacións dos protagonistas, pero detrás de cada transformación hai unha historia persoal, circunstancias que deixaron pegada e razóns que fan que ese momento sexa especial.
O cásting está aberto a persoas de todas as idades e procedentes de calquera punto de Galicia que queiran vivir unha experiencia de transformación, recuperar a confianza ou dar un paso adiante cara a unha nova etapa. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través do formulario habilitado pola Produtora CTV: www.castingctv.gal.