div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Televisión de Galicia retransmite esta semana tres partidos da Copa do Rei de fútbol

A segunda canle ofrece o martes o Rácing de Ferrol-Huesca e o mércores o Pontevedra-Éibar. A primeira retransmite o xoves o Sabadell-Deportivo

csag.gal 01/12/2025 13:00

Santiago, 2.12.2025.- Esta semana a Copa do Rei de fútbol é a protagonista, coa disputa dos partidos da segunda eliminatoria. A Televisión de Galicia ofrecerá tres encontros con presenza dos nosos equipos entre o martes e o xoves.

Así, o martes ás sete da tarde as cámaras da G2 estarán presentes no estadio da Malata, onde o Rácing de Ferrol recibe ao Huesca. O equipo departamental vén de disputar un partido igualado ante o Mérida no campionato de Liga que acabou empatando no tempo de prolongación. Mentres, o rival oscense que milita na Segunda División sorprendeu empatando en Almería pero está a un só punto dos postos de descenso.

O mércores, ás nove da noite, a segunda canle da TVG ofrecerá desde Pasarón o enfrontamento entre o Pontevedra e o Éibar. Os granates tamén empataron na Primeira RFEF o pasado sábado e o rival vasco caeu en Santander ante o Rácing e figura en postos de descenso.

Xa o xoves, ás sete da tarde, a primeira canle da Televisión de Galicia contará desde o estadio Nova Creu Alta o enfrontamento entre o Sabadell e o Deportivo da Coruña. O líder da Segunda División atravesa polo mellor da temporada, pero non debe confiarse xa que o rival catalán é un dos candidatos ao ascenso á Segunda División profesional ocupando o terceiro posto no grupo segundo.

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal emiten os cinco partidos dos nosos representantes

En total son cinco os nosos equipos que continúan disputando a Copa do Rei. Todos os encontros poderanse seguir en directo coas amplas despregaduras preparadas polo equipo de deportes da Radio Galega.

O martes o Rácing de Ferrol-Huesca, desde as sete menos cinco da tarde, e o mércores o Pontevedra-Éibar e o Ourense C. F.-Xirona, a partir das nove menos cinco da noite, chegarán a través da plataforma AGalegaAudio.gal.

Ademais, a FM da Radio Galega sumarase o xoves cunha edición especial de ‘Galicia en goles’ de sete menos cuarto da tarde a doce da noite. Durante as máis de cinco horas de emisión, o programa dará cobertura ao Sabadell-Deportivo e ao Sant Andreu-Celta de Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade