div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A serie 'Serramoura' da TVG dá o salto a novos mercados internacionais, cun acordo de emisión en canles dos Balcáns

Gañadora durante catro anos consecutivos do Premio Mestre Mateo á Mellor Serie de Televisión, ‘Serramoura’ xa foi emitida anteriormente en Rusia e nos Estados Unidos

As once temporadas completas están dispoñibles en AGalega.gal, a plataforma dixital da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

csag.gal 17/10/2025 14:28

Santiago, 17.10.2025.-  ‘Serramoura’, unha das series más exitosas e emblemáticas da Televisión de Galicia, continúa a súa expansión internacional e chegará ás televisións dos países dos Balcáns grazas a un acordo de distribución internacional.

A produción, un thriller de suspense policial producido por Voz Audiovisual para a TVG, emitiuse na canle pública entre 2014 e 2020 con grande éxito. As súas once temporadas completas están dispoñibles en AGalega.gal, a plataforma dixital da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). Ambientada nunha vila galega dedicada á madeira, a serie combina natureza, vida cotiá e tradición cun lado oculto de segredos e conflitos entre dúas familias polo control do negocio madeireiro.
 
A distribución na rexión balcánica será xestionada por DEXIN, despois dun acordo alcanzado por The Mediapro Studio Distribution, responsable das vendas internacionais da ficción. Anteriormente a serie galega fora vendida e emitida en canles de Rusia e nos Estados Unidos, neste último baixo o título ‘Black Forest’. 

Durante a súa emisión na TVG a serie foi líder de audiencia en numerosas ocasións e recibiu importantes recoñecementos: gañou durante catro anos consecutivos o Premio Mestre Mateo á Mellor Serie de Televisión e obtivo o Premio Apolo 2018 á Mellor Sintonía.

A CSAG segue a dar continuidade á súa estratexia de apoio ao sector audiovisual e desenvolve un intenso labor de internacionalización dos produtos galegos coas vendas a mercados estranxeiros das ficcións feitas en Galicia e por galegos. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade