A serie documental 'Invasoras: unha ameaza silente' e a curtametraxe 'Rompente', de Eloy Domínguez, entre as novidades da semana en AGalega.gal - CSAG
A serie documental 'Invasoras: unha ameaza silente' e a curtametraxe 'Rompente', de Eloy Domínguez, entre as novidades da semana en AGalega.gal
Tamén chegarán estes días á plataforma dos medios públicos a última entrega de ‘Raíña-me’ e os espazos da década 2005-2014 na sección ‘Especial 40 anos da TVG: os programas da túa vida’
Ademais, porase a disposición o programa ‘Polo Rego’, con leccións dos mestres da horta, e a película ‘A brigada da cociña’

Santiago, 14.07.2025.- A plataforma AGalega.gal estrea este luns ‘Invasoras: unha ameaza silente’, serie documental nativa dixital sobre as especies invasoras do territorio galego e os seus efectos na contorna. Dando a coñecer as diversas especies invasoras da fauna e flora galegas, os espectadores descubrirán grazas a esta serie os efectos e perigos que estas supoñen para o medio natural e para as especies autóctonas do noso territorio.
O martes, a novidade será a estrea dos programas da década 2005-2014 na sección ‘Especial 40 anos da TVG: os programas da túa vida’. A este período pertencen contidos como ‘Alalá’, ‘Ben Falado’, ‘Somos unha potenzia’, ‘Banda Curta’, ‘Historias de Galicia’, ‘Zapping Comando’, ‘A casa de 1906’, ‘Noitemóbil’, ‘Air Galicia’, ‘Hai Debate’, ‘Urbanitas’ ou ‘Criaturas’.
E o mércores 16 de xullo chegará á canle dixital dos medios públicos a curtametraxe galega ‘Rompente’. Dirixida por Eloy Domínguez Serén, conta a historia de Santi, un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día, traballa nas bateas e polas noites pesca de maneira furtiva. Mentres, a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos os dous. Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.
Ao día seguinte, xoves 17, AGalega.gal estreará o derradeiro episodio de ‘Raíña-me’, protagonizado pola creadora de contido Meryfos (Virtudes a Repunante), que comezará no Odragoiro a xira para gañar as eleccións co seu novo partido político.
Ademais, o xoves 18 de xullo porase a disposición o programa ‘Polo Rego’, en que a universidade do campo se traduce en paixón pola horta, a través das leccións de mestres que difunden coñecementos de onte e de hoxe. Comezan as clases destes especialistas en distintas materias, como horta na casa, a arte da cestería, agricultura sostible ou a ciencia das plantas silvestres.
A semana tamén traerá novidades na oferta cinematográfica de AGalega.gal, xa que a partir do sábado 19 estará dispoñible, durante 30 días, o filme ‘A brigada da cociña’, dirixido por Louis-Julien Petit, que conta a historia de Cathy, unha cociñeira que quere abrir o seu propio restaurante, pero un contratempo obrígaa a aceptar un traballo nun fogar para mozos inmigrantes. O que non sospeitaba ela era que lles ía cambiar a vida aos rapaces e que, ao mesmo tempo, ela ía aprender tanto deles.
