A presidenta do Celta, Marián Mouriño, ensínalle hoxe 'A miña gran cidade' a Touriñán, un deportivista de corazón - CSAG
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, ensínalle hoxe 'A miña gran cidade' a Touriñán, un deportivista de corazón
O actor e cómico decidirá se queda en Vigo ou colle o billete de volta despois de visitar a cidade deportiva, o estadio e a sede do equipo celeste

Santiago, 13.9.2025.- O programa ‘A miña gran cidade’ (22:40 h) achegarase este sábado a Vigo, o concello máis poboado de Galicia e o fogar do Real Club Celta. Unha famosísima viguesa asumirá o reto de ensinar a súa cidade dun xeito diferente a outra celebridade galega. Pero non de calquera maneira, senón que terá que facelo en só unha hora. Dará administrado ben os tempos? Conseguirá que o seu convidado colla a a maleta e quede en Vigo?
A anfitrioa de hoxe é a presidenta do Celta, Marián Mouriño, unha das galegas máis solicitadas, un referente feminino nun sector masculinizado onde destacou polo seu enorme traballo á fronte dunha das grandes institucións galegas, conseguindo espertar unha nova ilusión entre os seareiros celestes e cumprir o soño de traer de volta o EuroCelta. Pero a ‘presi’ enfróntase esta noite a un partido difícil na casa cun rival de altura que chega por sorpresa. Para conquistalo, prepara un percorrido moi persoal e 100% celeste.
O seu convidado será Xosé A. Touriñan, cómico e actor que desde os seus comezos cativou o público galego coa súa retranca e o seu sentido do humor natural. Deportivista de corazón, o seu compromiso levouno a lanzar o crowdfunding #UnDosMeus, acadando case 50.000 euros nun só día para apoiar a canteira do seu querido Dépor. O que se vivirá esta semana en ‘A miña gran cidade’ é un auténtico derbi entre dúas superestrelas con axendas moi ocupadas, que custou cadrar. Touriñán xogará un partido difícil fóra da casa. Conseguirá Marián conquistalo e que quede uns días na cidade do eterno rival?
Entre as experiencias que lle ten preparadas a presidenta do Celta para convencelo están senllas visitas a Afouteza, a cidade deportiva do conxunto vigués, onde sorprenderá o seu convidado co proxecto futuro do equipo, e a Balaídos, onde Touri poderá vivir a experiencia inmersiva co himno, pasear polo céspede e adentrarse nos vestiarios como un xogador celeste. Ademais, canda Sergio Álvarez, o Gato de Catoira, gozaron dun xantar de luxo para repoñer enerxías antes da súa visita á sede do Celta, na rúa do Príncipe, unha das principais arterias de Vigo.