A gran final de 'Talentos extraordinarios' decide esta noite o número máis impresionante de Galicia - CSAG
A gran final de 'Talentos extraordinarios' decide esta noite o número máis impresionante de Galicia
Once finalistas chegan a esta última gala do concurso coa ilusión de conquistar o xurado e o público coas súas mellores actuacións

Santiago, 23.8.2026.- Televisión de Galicia emite esta noite, ás 22:00 horas, a gran final de ‘Talentos extraordinarios’, o concurso presentado por Laura Boado que durante as últimas semanas percorreu Galicia na procura das persoas máis sorprendentes e fascinantes do país.
Tras oito galas clasificatorias, once participantes chegan á última cita do programa coa oportunidade de conquistar o título de talento máis extraordinario de Galicia. A final reúne os oito gañadores das roldas previas e os tres concursantes que conseguiron o pase directo grazas ao Bombo, o recurso especial co que cada membro do xurado podía clasificar un único participante ao longo da competición.
Nesta gala competirán, finalmente, a viguesa Naro, que fai unhas versións musicais únicas co piano ou a guitarra, cargadas de sensibilidade; o compostelán Kyo Beat Box, especialista en facer música e sons coa boca; o gaiteiro de Ponferrada Dani Morán e as súas versións inéditas; Ariel, o neno monfortino de 9 anos que toca a batería; Adriana, unha nena cantante de Bertamiráns, e Carlos Jiménez, un cantante veterano da Mariña lucense.
Para esta proba clasificáronse tamén talentosos bailaríns, como o grupo vigués especializado en bailes urbanos e os rapaces de Narón, os Cooky Babys. A listaxe complétase cos espectaculares deportistas Taekwondo Tao, de Vigo; co mago mentalista Antón Noriega, de Vilalba, e con Teo e Dani, os irmáns Cabezudo de Lugo, con sorprendentes números co cubo de Rubik.
A gran final incluirá, amais, unha actuación especial inédita que unirá sobre o escenario a Jesús Martín Calvillo, coñecido como o Mariachi da Estrada; o gaiteiro e DJ pontevedrés Dj Milucho; e Pila, a cantante costureira, nun número creado expresamente para esta ocasión.
Nesta gala está en xogo un premio de 3.500 euros para o gañador, ademais de 1.000 e 500 euros para o segundo e terceiro clasificados, respectivamente. Os finalistas volverán exhibir as súas habilidades ante o público e o xurado nunha noite chea de emoción, espectáculo e sorpresas.
O xurado, formado por Antonio Garrido, María Mera e David Perdomo, será o encargado de decidir, xunto co desenvolvemento da gala, quen merece proclamarse gañador desta primeira edición de ‘Talentos extraordinarios’.
