div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 estrea este sábado novo horario para o fútbol de Primeira RFEF: ofrecerá o Fabril-Barakaldo a partir das 18:45 h

A primeira canle da TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán o domingo pola mañá o partido de baloncesto entre o Valencia e o Básquet Coruña

As retransmisións deportivas comezan xa este venres, co Manresa-Obradoiro da Liga U, a competición sub-22 impulsada pola ACB, a FEB e o CSD, en que o Obradoiro debuta como único representante galego

csag.gal 12/11/2026 19:30

Santiago, 12.11.2026.-    A TVG, a G2 e a plataforma AGalega.gal ofrecen entre o venres e o domingo cinco partidos con protagonismo galego, con baloncesto da Liga U e da Liga Endesa e fútbol de Primeira e Segunda Federación. 

A programación deportiva comezará o venres, ás 16:00 h, pola G2 e AGalega.gal, co Manresa-Obradoiro da Liga U, a competición sub-22 impulsada pola ACB, a FEB e o CSD, en que o Obradoiro debuta como único representante galego. O conxunto compostelán comparte o Grupo B con Kids&Us Manresa, Joventut, Amara Lleida, Euskaltax Bilbao Basket, UCAM Murcia Juver e Unicaja Alhaurín de la Torre, e chega cun balance de tres vitorias e tres derrotas. Comezou o curso con tres vitorias seguidas, pero encadea tres derrotas, a última por 79-63 en Bilbao. O Manresa, con catro triunfos en seis xornadas, tamén perdeu na súa última saída (83-52 en Murcia, que lidera o grupo en solitario). A primeira fase, de 14 xornadas a dobre volta, decide en que grupo compite cada equipo na segunda metade do curso, polo que cada partido conta.

O sábado, novo horario para o fútbol da Primeira RFEF na G2 e Agalega.gal. A partir das 18:45 h, retransmitirase o Fabril-Barakaldo, co regreso do filial deportivista á súa sede habitual, a Cidade Deportiva de Abegondo. O Fabril, campión do Grupo 1 de Segunda Federación a pasada temporada, atravesa un momento complicado tras sufrir catro derrotas consecutivas que o sitúan na zona de descenso.

O domingo, ás 11:45 h, a TVG e a plataforma emitirán o Valencia-Básquet Coruña, desde o Roig Arena, dentro da aposta da canle pública por ofrecer en aberto cada xornada un partido dun equipo galego da Liga Endesa. O Valencia Basket é o segundo clasificado, cun balance de 5-2 e +78 de diferenza, só por detrás do Real Madrid. O Básquet Coruña suma tres vitorias, todas como local, e segue sen gañar fóra do Coliseum.

A tarde do domingo reserva a partir das 17:00 h en AGalega.gal o multifútbol da Segunda Federación (Grupo 1), con dous partidos destacados. No Vero Boquete haberá derbi galego entre o Compostela e o Ourense C. F., mentres que O Vao acollerá o enfrontamento entre o Coruxo e o Llanera.

‘En Xogo’

Os espectadores da TVG estarán informados durante toda a fin de semana do que pase no deporte galego, coas edicións de ‘En Xogo’ ás 15:00 e ás 21:30 h. Ademais, o domingo, ao remate da xornada, contra as 22:30 h, Gustavo Varela abrirá a mesa de debate na G2 e AGalega.gal acompañado polos exfutbolistas Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao árbitro Xabier Rodríguez Campos.

Esta xornada non hai competición na Primeira División profesional, pero si nas Ligas da Federación e na elite feminina coa visita do Barcelona a Riazor para enfrontarse ao Deportivo. Ademais, o programa ofrecerá a última hora do Albacete-Celta Fortuna, encontro da Segunda División programado para a noite do luns no estadio Carlos Belmonte. A partir da unha da madrugada, o ‘En Xogo’ poderá visionarse nunha redifusión a través da primeira canle da Televisión de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade