div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A G2 e AGalega.gal retransmiten este mércores o Ensino Lugo-Gorzów e o Baxi Ferrol-Mersin

Desde as 18:00 h, sesión continua de baloncesto, coa segunda xornada da Eurocup en xogo

csag.gal 20/10/2026 16:30

Santiago, 20.10.2026.-    A Eurocup Women 2026-27 chega este mércores 21 de outubro á súa segunda xornada da fase de grupos cunha dobre cita galega. A G2 e AGalega.gal emitirán en directo ás 18:00 h o Ensino-Gorzów, desde o Pazo dos Deportes de Lugo, e ás 20.15 h, o Baxi Ferrol-Mersin, desde o pavillón da Malata, onde o equipo ferrolán recibirá a vixente campioa do torneo. Dúas probas moi esixentes para os dous representantes galegos, que buscan a súa primeira vitoria despois de debutar con derrota na pasada xornada.

O Ensino estrea a súa condición de local no Grupo J despois do 89-64 co que caeu na primeira xornada en Montpellier, equipo que lidera o grupo xunto ao Gorzów. As polacas, que na súa primeira cita como locais superaron con claridade o Panserraikos grego por 87-63 (19 puntos de Taina Mair e 14 puntos e 11 rebotes de Stephanie Jones), son un rival de primeira fila e chegan en boa dinámica: na liga polaca suman tres vitorias en catro xornadas, despois de caer na estrea en Łódź (76-71) e de impoñerse ao Wisła Kraków (77-57), ao Bydgoszcz (84-55) e, o domingo, ao Zagłębie Sosnowiec (79-59).

O conxunto lucense, pola súa parte, afronta a cita tras un arranque irregular na Liga Feminina Endesa, onde leva un triunfo e tres derrotas en catro xornadas: perdeu en Estepona (82-55), gañou na casa ao Araski (76-63) e caeu o domingo en Zaragoza (95-64).

Ás 20:15 h toca o duelo máis rechamante do día. O Baxi Ferrol, subcampión da Eurocup na 2024-25, chegou ao Grupo D despois de superar a eliminatoria previa ante o Beroe Stara Zagora por 161-119 (76-61 en Bulgaria e 85-58 en Ferrol), pero estreouse no grupo cunha derrota por 96-68 na pista do Olympiacos, onde Karolina Sotolova foi a máxima anotadora ferrolá con 17 puntos. Na Liga Femenina Endesa, as de Ferrol levan dúas vitorias e dúas derrotas (triunfos ante o Araski por 82-77 e ante o Estepona por 84-72, e derrotas en Alcantarilla ante o Jairis por 74-61 e en Valencia por 87-50) e ocupan a décima posición.

Fronte a elas estará o ÇİMSA ÇBK Mersin, campión da Eurocup 2025-26 tras superar o Athinaikos por 160-157 na final a dobre partido. As turcas comezaron a defensa do título cunha vitoria por 72-59 ante o Ślęza Wrocław, con Kennedy Burke como referencia, o que as sitúa segundas do Grupo D, detrás do Olympiacos. No campionato turco, o Mersin suma un triunfo e dúas derrotas nas tres primeiras xornadas: gañou 90-64 ao OGM Ormanspor e caeu 85-62 na pista do Galatasaray.

Co Olympiacos e o Mersin á cabeza do Grupo D, e o Montpellier e o Gorzów no Grupo J, os dous primeiros de cada grupo pasan ao playoff, polo que os partidos do mércores teñen un valor especial para as aspiracións dos dous equipos galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade