A esixencia do xurado e os segredos e confesións dos concursantes marcarán esta noite un antes e un despois en 'Bailamos' - CSAG
A esixencia do xurado e os segredos e confesións dos concursantes marcarán esta noite un antes e un despois en 'Bailamos'
O programa chega ao ecuador con actuacións que, segundo os xuíces, non están á altura, e coas primeiras votacións en negativo entre os aspirantes

Santiago, 4.4.2026.- A do programa ‘Bailamos’ (21:55 h) desta semana será unha entrega clave que marca o ecuador da competición e en que a esixencia do xurado, a ‘destrutoterapia’ e os segredos e confesións marcarán un antes e un despois.
O xurado vivirá unha das súas semanas máis complicadas, ao considerar que os participantes non están ao nivel esperado neste punto do concurso. As valoracións serán especialmente duras, marcadas polos erros nas coreografías e a falta de interpretación. Esta situación marcará un momento inédito e moi impactante no que vai de temporada de ‘Bailamos’.
Ademais, por primeira vez, os concursantes deberán enfrontarse a unha votación en negativo, tendo que penalizar o compañeiro ou compañeira que consideren que menos merece continuar no programa. Será unha decisión cargada de tensión, que se desvelará ao final da noite e que pode influír directamente no rumbo da competición e na loita polo premio final de 10.000€.
No plano persoal, será unha semana especialmente dura para Uxía, que se emocionará tras o falecemento do seu avó revivindo momentos con el no estudio. Pola súa parte, Paulo continuará coa súa confrontación co xurado: o seu baile será un dos máis criticados e a súa frustración, acumulada nas últimas semanas, acabará estalando durante a dinámica grupal.
A convivencia volverá estar no centro cunha sesión de ‘destrutoterapia’, en que os participantes liberarán tensións esnaquizando un coche e verbalizando conflitos e emocións. Neste contexto, sairán á luz sentimentos profundos, como a soidade que sente Mattia ou as decepcións entre compañeiros, amosando o lado máis humano do grupo. Ademais, Loli e Noelia deberán bailar xuntas nun reto que podería achegalas e cambiar a súa relación dentro da academia.
A gala estará tamén marcada polos segredos. O programa da TVG presentado por Arturo Fernández amosará aspectos descoñecidos das vidas dos concursantes, talentos ocultos e curiosidades persoais, mentres que o xurado tamén se abrirá ao público con revelacións sorprendentes, como a de Poty, creador da coñecida coreografía da ‘Macarena’.
