A CSAG realizará unha ampla cobertura informativa dos actos do Día das Forzas Armadas 2026 en Vigo - CSAG
A CSAG realizará unha ampla cobertura informativa dos actos do Día das Forzas Armadas 2026 en Vigo
O venres e sábado, os medios públicos galegos ofrecerán directos informativos, retransmisións especiais e seguimento desde distintos puntos da cidade

Santiago, 28.05.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrecerá este venres 29 e sábado 30 de maio unha programación especial con motivo dos actos do Día das Forzas Armadas 2026, que se celebran en Vigo coa presenza de destacadas autoridades civís e militares.
A cobertura incluirá directos informativos, retransmisións especiais e seguimento desde distintos puntos da cidade, tanto na Televisión de Galicia como na Radio Galega.
O venres 29 de maio, a TVG realizará un seguimento especial da saída das fragatas desde o porto de Vigo e do embarque do rei, previsto para as 15:15 horas. Ademais, a partir das 17:00 horas emitirase unha retransmisión especial da Revista Naval desde Samil, cunha duración aproximada de entre hora e media e dúas horas. A narración correrá a cargo do xornalista Jesús Fontenla, acompañado polo comentarista Alberto Vázquez. Pola súa parte, a retransmisión especial do sábado 30 realizarase a partir das 12:00 horas.
A programación informativa da TVG adaptarase ao desenvolvemento dos actos para incorporar conexións en directo, seguimento especial e pezas ao longo da xornada.
A Radio Galega desprazará igualmente un equipo ata Samil para informar en directo dos principais momentos dos actos dentro dos programas ‘A Tarde’ e ‘A Crónica’.
Con esta cobertura especial, a CSAG reforza o seu compromiso co servizo público e coa información de proximidade, achegando á audiencia galega todos os detalles dun dos principais acontecementos institucionais e militares do ano en Galicia.