A Compostela medieval e o seu papel como centro de peregrinación e de poder en Europa, protagonista hoxe en 'Os crononautas' - CSAG
A Compostela medieval e o seu papel como centro de peregrinación e de poder en Europa, protagonista hoxe en 'Os crononautas'
Trisha Fernández e David Vilares adéntranse hoxe nesta cidade galega, que acabou converténdose, xunto con Roma e Xerusalén, nun dos grandes destinos do mundo

Santiago, 8.10.2026.- O programa ‘Os Crononautas’ (22:45 h) viaxa este xoves á Galicia medieval para descubrir o papel de Santiago de Compostela como centro de peregrinación, de poder e de referencia política na Europa medieval.
A comezos do século IX, algo acontece en Galicia que o cambia todo: o descubrimento dun sepulcro. A noticia espállase e o lugar axiña atrae milleiros de persoas, pois alí descansan os restos do Apóstolo Santiago. Arredor dese achado nace o lugar de Santiago, un espazo sagrado que semella illado, pero que non tarda en medrar coa chegada de peregrinos, comerciantes e xentes de toda Europa que transformarán este lugar nunha cidade.
Trisha Fernández e David Vilares adentraranse hoxe na Compostela medieval, unha cidade que acabou converténdose, xunto con Roma e Xerusalén, nun dos grandes destinos do mundo coñecido. Seguirán as pegadas dos peregrinos, descubrirán historias, símbolos e lendas do Camiño, e asistirán a momentos decisivos que transformaron Santiago nun centro espiritual e cultural en Europa.