A cantante sevillana Tamara e o grupo vigués Broken Peach encabezan a proposta musical do 'Luar' deste venres - CSAG
A cantante sevillana Tamara e o grupo vigués Broken Peach encabezan a proposta musical do 'Luar' deste venres
O programa (21:45 h) recibirá tamén a Luís Bermo, que lle realizará unha homenaxe ao gran Manolito el Pescador, a orquestra Cinema, a formación tradicional A Carballeira de Cercio e o ilusionista Dani Polo

Santiago, 23.10.2026.- A cantante sevillana Tamara visita esta noite ‘Luar’ para deleitar a público e audiencia cos seus éxitos. Neta do cantador Rafael Farina, subiu aos escenarios xa de cativa, dándose a coñecer nun popular concurso de televisión, pero foron as súas interpretacións de boleros e baladas, xa de adulta, as que lle deron sona a nivel nacional e internacional, acadando en 2023 o disco de diamante polos seus primeiros traballos.
A potencia escénica virá da man das viguesas Broken Peach, coñecidas polas súas versións cheas de enerxía e pola súa espectacular posta en escena. O grupo deleitará a público e espectadores cunha das súas actuacións, en que combinan música e entretemento, cun coidado vestiario e escenografía, para facer covers de cancións emblemáticas. Esta noite interpretarán ‘Thriller’.
Por outro lado, o ‘Luar’ desta semana realizaralle unha homenaxe ao gran Manolito el Pescador da man de Luís Bermo, cantante nado en Vilaxoán que regresa aos escenarios televisivos décadas despois para mostrarlle o seu recoñecemento ao emblemático artista de Ribeira.
Os ritmos verbeneiros correrán hoxe a cargo da orquestra Cinema, mentres que a música e o baile tradicional serán desta volta cousa do grupo A Carballeira de Cercio, un dos máximos expoñentes deste xénero na comarca do Deza.
Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Laura Boado contará coa maxia de Dani Polo, o primeiro ilusionista galego en recibir o prestixioso premio Mandrake d’Or, o equivalente ao Óscar da maxia, un recoñecemento internacional que sitúa a súa carreira, caracterizada por unha posta en escena impactante e con moito ritmo, na cúspide do ilusionismo mundial.
A gastronomía tamén será protagonista no ‘Luar’ deste venres, coa elaboración e degustación de tortillas, xa que a vila de Betanzos acaba de celebrar a súa popular Semana da Tortilla.
No tempo do concurso ‘Recantos’, esta noite será a quenda de demostrar o seu bo facer no escenario para José Viqueira, representante da comarca das Mariñas coruñesas, e Majo Rodríguez, procedente da Ribeira Sacra.