'Xente Marabillosa' pon este mércores o foco no respecto ás persoas con discapacidade, coa presenza de Irene Villa como convidada - CSAG
'Xente Marabillosa' pon este mércores o foco no respecto ás persoas con discapacidade, coa presenza de Irene Villa como convidada
O programa (22:40 h) abordará, con datos e testemuños, as barreiras cotiás que aínda persisten e apelará a unha sociedade máis empática e inclusiva

Santiago, 21.01.2026.- ‘Xente Marabillosa’ ofrece este mércores pola noite un novo programa na TVG, centrado nesta ocasión no respecto ás persoas con discapacidade, unha realidade marcada por obstáculos diarios que continúan sendo, en gran medida, invisibles para parte da sociedade. Nesta entrega, o programa presentado por Lucía Rodríguez daralles voz ás persoas protagonistas para demostrar non só canto queda por facer, senón tamén como avanzar cara á normalización e á igualdade de oportunidades.
Deste xeito, ‘Xente Marabillosa’ convidará os galegos a reflexionar sobre actitudes do día a día, responsabilidades colectivas e pequenos xestos que xeran conciencia, e apelará á implicación de toda a sociedade, coa idea de que a inclusión non é unha concesión, senón un dereito.
O programa contará esta semana coa participación como convidada de Irene Villa, cuxo testemuño e compromiso ofrecerán unha ollada especialmente significativa sobre a superación, a inclusión e a empatía social. Xornalista, escritora e conferenciante, é unha das voces máis recoñecidas no ámbito da sensibilización social e a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. A súa traxectoria persoal e profesional achegará ao programa unha reflexión fonda e serena sobre a importancia da empatía, a normalización da diversidade e a necesidade de avanzar cara a contornas verdadeiramente accesibles e igualitarias.
Ademais, como cada semana, as cámaras ocultas do espazo da Televisión de Galicia rexistrarán situacións reais de inxustiza no día a día. A desta noite amosará como un home con discapacidade non pode subir ao seu coche porque outro vehículo lle bloquea o acceso.