div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

‘Xente marabillosa’ aborda esta noite a anorexia e os trastornos da conduta alimentaria

A cantante Lorena Gómez participará como convidada para achegar a súa ollada particular sobre a importancia da saúde mental e o autocoidado 

csag.gal 21/12/2025 10:00

A anorexia e os trastornos da conduta alimentaria será a problemática que centrará este domingo o programa ‘Xente Marabillosa’, unha realidade complexa e aínda rodeada de silencios, estigmas e desinformación, que afecta tanto a quen a padece como a súa contorna familiar e social.

Presentado por Lucía Rodríguez, o espazo da TVG abordará esta temática desde unha perspectiva amable e empática, fiel a un estilo que convida á reflexión colectiva e á análise sen perder a perspectiva televisiva. Nesta ocasión, a cantante Lorena Gómez participará como convidada para achegar a súa ollada particular sobre a importancia da saúde mental e o autocoidado para alcanzar o benestar persoal.

Tras a pandemia, os trastornos alimentarios aumentaron un 9 % a nivel mundial. En España, Galicia non é allea ao fenómeno, que afecta a case medio millón de persoas, pero o incremento máis preocupante dáse en menores de 12 anos. Por isto, a entrega de hoxe de ‘Xente marabillosa’ subliñará a necesidade de tratar a anorexia e outros trastornos alimentarios non só como un problema de saúde, senón tamén como un fenómeno social que require comprensión, prevención e apoio continuo.

O programa utilizará as súas coñecidas cámaras ocultas para explorar actitudes e comportamentos da sociedade arredor desta problemática. Na deste domingo, os espectadores verán como a presión estética dos mozos e mozas na actualidade é maior que nunca, é moi fácil sentirse observado e xulgado polas redes sociais e pode resultar complicado pedir axuda. Nesta cámara oculta, unha moza con anorexia é mal aconsellada por unha suposta amiga.           

Así pois, a emisión desta noite de ‘Xente marabillosa’ convidará a unha maior concienciación e acompañamento cara ás persoas afectadas, reafirmando a vocación do programa por promover valores como a empatía, o respecto e a responsabilidade colectiva, sen perder a súa capacidade de entreter e conectar co público.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade