'Octavio e outros animaliños' recibe unha proposta de voda canina e descobre novos espazos dedicados aos animais - CSAG
'Octavio e outros animaliños' recibe unha proposta de voda canina e descobre novos espazos dedicados aos animais
O espazo visita un velorio de mascotas, un café de gatos e unha explotación de cabras, nunha entrega en que Octavio Villazala tamén atende uns gatiños abandonados

Santiago, 26.11.2026.- Nova entrega este xoves na TVG de ‘Octavio e outros animaliños’ (22:50 h), espazo en que o coñecido educador canino Octavio Villazala abre as portas da súa casa, en Montegatto, para compartir cos espectadores os segredos do seu traballo e achegar o fascinante mundo dos animais.
Nesta ocasión, Octavio reflexiona sobre o ciclo da vida, o paso dos anos e a morte. Unha viaxe como a que o leva, autoestrada arriba e abaixo, a visitar e descubrir novas curiosidades do mundo animal galego.
Antes de comezar a súa xornada laboral, o adestrador atende uns gatiños que atopa abandonados á porta da súa casa e ponse en marcha cara a Cremandogal, un tanatorio de animais onde despedir as mascotas falecidas dun xeito único. Octavio coñecerá o local e a filosofía de Cat Café, un espazo de lecer na compaña de gatos. A continuación porase en marcha cara a unha explotación de cabras en Moaña, onde traballan exclusivamente co leite dos animais para elaborar diversos produtos. E por se fora pouco, recibe a proposta de organizar unha voda canina.