'O amor está en Galicia' busca novas historias de amor na Illa de Arousa - CSAG
'O amor está en Galicia' busca novas historias de amor na Illa de Arousa
A dobre entrega deste mércores reunirá oito solteiros e solteiras en catro citas a cegas, definidas polas segundas oportunidades, as confidencias e o encanto da ría

Santiago, 3.6.2026.- ‘O amor está en Galicia’ (22:45 horas) desembarca este mércores na Illa de Arousa cunha dobre entrega en que Paco Lodeiro e Laura Boado acompañarán oito solteiros e solteiras dispostos a atopar unha conexión real nun dos escenarios máis especiais da ría. A Illa de Arousa converterase no punto de encontro de catro citas a cegas moi diferentes, con historias persoais potentes, segundas oportunidades, moito mar de fondo e esa pregunta que sempre queda no aire: abondará co encanto da illa para que prenda o amor?
No primeiro programa, Noelia Patiño, de 45 anos, mariñeira de Bueu, coñecerá a Xabier Vilalba, de 40 anos, de Poio, árbitro e estudante de guía turístico. Ela chega con ganas de que a valoren como merece despois dunha etapa complicada; el volve ao programa tras vivir unha experiencia inesperada: prendeu cunha rapaza, pero acabou sufrindo ghosting.
Tamén haberá unha cita con uniforme incluído. Bea Pombal, de 31 anos, camareira de Gondomar, ten claro que lle gustan os homes de uniforme e atoparase con Manuel Cimadevila, de 42 anos, garda civil de Redondela. Ela busca un home alto, seguro e con quen poder pensar nun futuro; el chega como un pai de dúas nenas, sincero, transparente, divertido e tamén algo intenso.
Na segunda entrega, o programa seguirá explorando o poder amoroso da Illa agora coa presenza do marisco, a música e as historias de vida como grandes protagonistas. Lucía Mujurosa, de 23 anos, da Coruña, teleoperadora, nai nova e divorciada, terá unha cita con Alejandro Rosalex, de 27 anos, cantante de orquestra, de Pontevedra, nacido en Venezuela. Ela chega coa súa filla como prioridade e cunha historia de madurez precoz; el busca algo estable, duradeiro e unha muller con carácter.
A última parella estará formada por Nerea Carreira, de 29 anos, de Vigo, camioneira e estudante de emerxencias sanitarias, e Santiago Vázquez, de 31 anos, da Coruña, mecánico naval. Ela defínese como unha muller con carácter, cu inquieto e sen pelos na lingua; el chega con baixa autoestima, ganas de abrir de novo a porta ao amor e paixón por conducir e montar a cabalo.
Ao longo das dúas entregas, os solteiros de ‘O amor está en Galicia’ percorrerán algúns dos lugares máis recoñecibles da Illa de Arousa, como o peirao de Cabodeiro, a praia de Cabodeiro, a estatua da virxe do Carme e o miradoiro do paseo do Cantiño. O programa xogará ademais co imaxinario da illa, coa súa ponte, co mar, co marisco e coa idea de que, ás veces, o amor tamén hai que collelo no seu punto.
