'O amor está en Galicia' busca en Muros segundas oportunidades, entre nervios e o peso de relacións pasadas - CSAG
'O amor está en Galicia' busca en Muros segundas oportunidades, entre nervios e o peso de relacións pasadas
Na dobre entrega desta noite (22:45 h), a Cupifurgo de Paco Lodeiro e Laura Boado acompaña catro encontros a cegas entre solteiros e solteiras con rupturas recentes, historias intensas e ganas de volver namorarse

Santiago, 20.5.2026.- Este martes chega ao ‘prime time’ da TVG unha nova dobre entrega de ‘O amor está en Galicia’ (22:45 h) desde Muros. Con Paco Lodeiro e Laura Boado á fronte da Cupifurgo nesta vila mariñeira, catro novas citas a cegas porán a proba se o amor pode prender entre persoas que chegan con historias moi diferentes ás costas.
Na primeira entrega, Takito, de 35 anos, chega desde Santiago cunha vida marcada pola música, a maquillaxe e unha historia sentimental intensa: quedou sen mozo só un mes antes de casar. A súa cita será Miguel Martínez, de 26 anos e de Barro, un mozo nervioso, selectivo e con varias rupturas ás costas, que recoñece que se agonía con facilidade nas relacións. O encontro terá lugar na praia do Castelo, nunha cita onde a honestidade, o humor e os pequenos defectos poden ser decisivos.
A segunda cita dese programa xuntará a Isa dos Santos, de 23 anos, natural de Cerdedo-Cotobade e nacida en Andorra, con Alejandro Manuel Canoso, de 25 anos e de Fisterra. Ela busca alguén serio, responsable e coas cousas claras; el chega só dúas semanas despois dunha ruptura e cunha historia que non deixa indiferente: púxolle as maletas na porta á súa ex. A igrexa de San Roque será o escenario dun encontro en que a madurez, o carácter e as présas por volver namorarse estarán sobre a mesa.
Na seguinte entrega, Muros volverá ser territorio do amor cunha cita entre Marta López, de 36 anos e de Pontevedra, auxiliar de enfermería, e Antón Pérez, de 31 anos e de Santiago de Compostela, técnico en emerxencias sanitarias. Os dous comparten vínculo co mundo sanitario, pero chegan con situacións vitais moi distintas: ela é nai, leva un ano solteira e ten claro que non quere máis fillos; el leva sete anos solteiro, é desconfiado e recoñece que non sabe bailar. A praza do Curro será o punto de partida dunha cita en que haberá que ver se a complicidade profesional chega tamén ao corazón.
Entre a praia do Castelo, a praza do Curro, a igrexa de San Roque e o paseo mariñeiro, ‘O amor está en Galicia’ acompañará os solteiros e solteiras nunha dobre visita a Muros en que haberá nervios, confesións, retranca, exparellas moi presentes e a gran pregunta de sempre: prenderá ou non prenderá o amor?
