div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Luar' ofrece este venres as actuacións de Amistades Peligrosas e de David Lafuente

Os espectadores tamén poderán gozar das colaboracións artísticas de Luís Queimada e Robin Nodar e de Dj Sonic e Alejandra Pais

csag.gal 27/11/2026 02:00

Santiago, 27.11.2026.-    O programa ‘Luar’ (21:45 h) contará hoxe coa presenza no escenario de Amistades Peligrosas, o dúo formado por Cristina del Valle e Alberto Comesaña, que recolleu grandes éxitos nos 90 e regresou a comezos desta década. O grupo marcou toda unha época co seu particular xeito de entender a música e as súas cancións convertéronse na banda sonora da vida de toda unha xeración.

O espazo da TVG tamén recibirá a visita de David Lafuente, excompoñente do grupo Auryn, que, tras cinco anos afastado da música, regresa en solitario con nova canción, ‘Zapatos de charol’. Agora, cunha identidade musical moito máis definida e cancións que nacen das súas propias vivencias, David inicia un novo capítulo co que recuperar a ilusión do principio e demostrar que aínda ten moito que contar.

Ademais, ‘Luar’ ofrecerá a actuación de Luís Queimada e Robin Nodar, dous músicos galegos, pai e fillo, cunha estreita conexión artística e vinculados historicamente e na actualidade ao grupo musical Queimada.

Outra conexión da que esta noite poderán gozar os espectadores é a de Dj Sonic e Alejandra Pais, dous colaboradores frecuentes na escena de música electrónica/dance e de remixes de música tradicional galega. Hoxe mesmo estrean o seu novo sinxelo, titulado ‘O mar da Coruña’, que interpretarán sobre o escenario.

A proposta deste venres complétase cos ritmos verbeneiros de La Ocaband, coa música tradicional da agrupación redondelá Airiños da Peneda, e co humor de Rosita Penelas, o personaxe interpretado por Patricia Vázquez, e de Carla e Marcos, de Todo Mal.

En canto ao concurso de talentos ‘Recantos’, despois das expulsións da semana pasada, comeza a segunda fase, en que os primeiros en cantar serán Julio Ferrín, da comarca de Lugo Sur, e José Viqueira, representante das Mariñas Coruñesas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade