'Luar' estrea tempada na TVG cun renovado estudio, coa incorporación de Laura Boado e cun novo 'Recantos' - CSAG
'Luar' estrea tempada na TVG cun renovado estudio, coa incorporación de Laura Boado e cun novo 'Recantos'
O programa de referencia dos venres á noite na Galega conta hoxe (21:45 h) coa actuación de Rosa López e o Combo Dominicano, entre outros convidados

Santiago, 18.9.2026.- A TVG dá hoxe a benvida á 35ª temporada de ‘Luar’ (21:45 h), que regresa cunha renovada posta en escena para seguir acompañando os espectadores na noite dos venres. O programa que presenta Xosé Ramón Gayoso estréase nun estudio transformado, cunha nova decoración, novas cores e unha experiencia máis inmersiva, pensada para achegar a emoción do directo ás casas de maneira máis inmediata.
Entre as novidades desta nova etapa destaca a incorporación de Laura Boado. A compostelá é coñecida polos espectadores pola súa intervención en programas doutras canles e na TVG, onde presentou xunto a Paco Lodeiro ‘O amor está en Galicia’ e tamén á fronte de ‘Talentos extraordinarios’. O pasado venres foi presentada oficialmente como nova copresentadora de ‘Luar’ durante a gala de ‘O musical. Mellor á Galega’.
Esta nova temporada trae outra das citas máis agardadas polos seguidores do espazo, o inicio da 17ª edición de ‘Recantos’. Os 20 recanteiros seleccionados para esta edición foron elixidos tras o proceso de cásting, que a audiencia seguiu con éxito este verán na TVG. Nesta primeira gala competirán Morais, representante de Terras de Pontevedra, e Lois, do Morrazo. Ao longo das próximas semanas iranse incorporando o resto dos participantes, que representan as distintas comarcas e territorios de Galicia e o Bierzo.
O concurso contará novamente coa experiencia da mezzosoprano e catedrática de canto do Conservatorio da Coruña, Nuria Lorenzo, e do histórico Manuel de Andrade, aos que se suma nesta temporada unha nova integrante do xurado. Trátase dunha actriz galega moi coñecida dentro e fóra de Galicia, cunha destacada traxectoria profesional, cuxa identidade se revelará esta noite.
Entre as actuacións musicais de hoxe, cómpre salientar a Rosa López, Combo Dominicano, Pili Pampín e a súa filla Flavia Torrente, que presentará novo tema, ademais da agrupación tradicional Cantigas da Terra.
E no apartado de humor, o público reencontrarase con algúns dos personaxes máis queridos de ‘Luar’, como Sabela Grilo, interpretada por María Foscaldo; Rosita de Penelas, á que dá vida Patricia Vázquez; e o dúo Todo Mal, formado por Carla e Marcos. O Mago Kenneth completa o elenco de artistas desta edición.