'Galicia bonita' afronta este martes a reforma dunha vivenda en Trasmonte, chea de retos e de peticións - CSAG
'Galicia bonita' afronta este martes a reforma dunha vivenda en Trasmonte, chea de retos e de peticións
Pintar, recebar, derrubar un balcón e varios galiñeiros son algúns dos desafíos do equipo, que tamén descubrirá o antigo taller do veciño

Santiago, 10.11.2026.- A propietaria da vivenda deste martes, Sara, agarda pola arquitecta Rosa Facal e polo equipo de ‘Galicia bonita’ (22:50 h) no Pazo de Trasmonte do que é guardesa, mais a reforma da súa vivenda de ladrillo e cemento sen pintar, pegada a un garaxe de coches e unha horrible canceira, nada ten que ver co esplendoroso pazo.
Nesta ocasión, ‘Galicia bonita’ diríxese cara a Trasmonte, en Ames, onde os agarda unha nova casa, con moito traballo por diante e unha nova historia por coñecer. Rosa Facal, acompañada por Litos e Adrián, analizarán as necesidades da vivenda. Pintar, recebar, derrubar un balcón e varios galiñeiros serán algúns dos retos do equipo, que tamén descubrirá o antigo taller do veciño.
Ao poucos de comezar a reforma con toda a maquinaria e materiais preparados, Matías comeza os seus labores no antigo taller pero sen atoparse ben. E, ao mesmo tempo, Sara xa ten algo que dicir e as peticións comezan a sucederse... será o equipo de ‘Galicia bonita’ quen de completar a chea de cambios que require esta reforma?
