'Expediente Oculto' aborda esta noite o caso dunha veciña da Coruña que, despois dunha vida de malos tratos, matou o seu home cunha pesa de man - CSAG
'Expediente Oculto' aborda esta noite o caso dunha veciña da Coruña que, despois dunha vida de malos tratos, matou o seu home cunha pesa de man
O programa presentado por Patricia Abet (22:45 h) tamén porá o foco na proliferación de estafas nas reformas, propiciadas pola falta de man de obra

Santiago, 26.10.2026.- Unha autora confesa e décadas de malos tratos marcan o coñecido como crime do haltere. ‘Expediente Oculto’ (22:45 h) reconstrúe este luns a morte de Miguel Ángel Vilar e a investigación que permitiu aclarar que ocorreu naquela vivenda e que había detrás do crime.
Cunha pesa de man, unha veciña da Coruña asasinou brutalmente o seu marido, un home que convertera a súa vida nun pesadelo. Unha vida de malos tratos á que María Teresa decidiu poñerlle fin dun xeito brutal, tomando a xustiza pola súa man. Nunca denunciou por medo e asegurou que aquela noite pensou que Miguel Ángel podía matar a filla, un contexto de violencia que foi ratificado no xuízo por familiares e testemuñas.
Por outro lado, o programa presentado por Patricia Abet abordará tamén o problema das estafas nas reformas, unha praga propiciada pola falta de man de obra, que fai que proliferen este tipo de calotes. Cobros por adiantado, traballos sen rematar, contratistas que se esvaecen… ‘Expediente Oculto’ dará conta de casos indignantes, con estafas de milleiros de euros, por toda Galicia.
Para tratar estes asuntos, estarán hoxe presentes no estudio de gravación Elena Villanueva, Xosé Antonio Vázquez Taín, Berta Rodríguez, Juan Manuel Lorenzo e Antón López.