'Como ser feliz' reflexiona esta noite sobre os cartos e a felicidade - CSAG
'Como ser feliz' reflexiona esta noite sobre os cartos e a felicidade
O programa, que presentan Loli Gómez, Rafa Durán e Manuel Viso, analizará se o diñeiro condiciona a nosa vida, entre humor, emoción e debate social

Santiago, 30.5.2026.- A TVG emite este sábado, ás 22:00 horas, unha nova entrega do programa de entretemento e reflexión ‘Como ser feliz’. Nesta ocasión, o espazo mergullarase nun tema universal e cheo de contradicións: a relación entre os cartos e a felicidade.
Presentado por Loli Gómez, Manuel Viso e Rafa Durán desde o Teatro Jofre de Ferrol, o programa combinará expertos, convidados coñecidos, testemuños reais e participación do público para reflexionar sobre ata que punto o diñeiro condiciona a nosa vida, as nosas relacións e o noso benestar emocional.
Entre os protagonistas da noite estarán os Mozos de Arousa, que compartirán como cambiou a súa vida tras converterse en fenómenos televisivos e gañar máis de 2,6 millóns de euros. Tamén participará o economista e profesor Miguel Anxo Bastos, que achegará a súa visión sobre o capitalismo, o consumo e a idea de éxito na sociedade actual.
O programa incluirá ademais testemuños sorprendentes e moi humanos: unha persoa arruinada ata en tres ocasións, unha muller que superou unha grave ludomanía, un avogado especializado en herdanzas familiares, unha persoa que abandonou unha vida centrada no consumo para buscar outra forma de felicidade ou un creador de contido que analizará a obsesión actual pola fama e o diñeiro rápido.
Con humor, retranca, emoción e debate, ‘Como ser feliz’ volverá poñer sobre a mesa grandes preguntas que afectan a sociedade actual: somos escravos do diñeiro? Pode a fama facer feliz? Vale unha persoa polo que ten? ou se confunde o éxito con felicidade?
O programa rematará abrindo un debate arredor da inseguridade económica e das dificultades das novas xeracións para construír un futuro estable, nunha entrega pensada para facer pensar, emocionarse e tamén rir.