'Bailamos' recibe este domingo a Ortiga, De Ninghures e Roi Méndez nunha gala de novas expulsións - CSAG
'Bailamos' recibe este domingo a Ortiga, De Ninghures e Roi Méndez nunha gala de novas expulsións
Dúas batallas decisivas enfrontarán a Noelia con Gisela e a Juanogy con Martín, mentres Mauro se meterá na pel de Tino Casal e Marinés e Emma sorprenderán cunha coreografía de verbena

Santiago, 01.11.2026.- Os 12 concursantes que continúan no programa ‘Bailamos’ (22:30 h), enfrontaranse hoxe a unha segunda noite de expulsións. Noelia e Gisela, por unha parte, e Juanogy e Martín, pola outra, loitarán por seguir na competición, pero só dous deles poderán continuar. Quen conseguirá convencer o xurado nestas dúas batallas pola permanencia?
A gala abrirase coa música de Ortiga e De Ninghures, que unirán forzas para interpretar ‘Rosalinda’, a colaboración que comparten. Ademais, De Ninghures falará do éxito de ‘Feira’, o seu primeiro disco.
O convidado desta semana será Roi Méndez, que regresa ao programa para bailar con Alejandra ao ritmo de ‘Salta’ na categoría ‘Celebrity’. A concursante terá que deixar atrás a vergoña nunha coreografía en que Roi promete sacar o seu lado máis divertido.
Pola súa parte, Mauro afrontará o reto de interpretar a Tino Casal no ‘Playback’. Apaixonado pola música dos anos 80 e 90, o concursante terá que meterse na pel dun dos artistas máis singulares da música española. Sara cambiará o ‘Playback’ de Rosalía polos tacóns e a sensualidade xunto con Alis, mentres Marinés e Emma sorprenderán cunha coreografía de verbena. Álex e Brais, pola súa parte, bailarán ao ritmo de Boyanka Kostova e Dios ke te Crew.
O flamenco feito en Galicia tamén terá o seu espazo coa actuación da Asociación Pasión Flamenca de Vigo, que interpretará unhas sevillanas con música de Rocío Jurado en homenaxe aos 20 anos do seu pasamento. Ademais, a gala amosará o papel dos mestres e do director artístico como apoio emocional dos concursantes nunha competición en que a presión non deixa de medrar.
