'Bailamos' recibe este domingo a orquestra La Oca Band, os campións do mundo de Kizomba Nagyla e Nuno, e a Miguel Mandayo como 'celebrity' - CSAG
'Bailamos' recibe este domingo a orquestra La Oca Band, os campións do mundo de Kizomba Nagyla e Nuno, e a Miguel Mandayo como 'celebrity'
Noelia converterase en Lola Índigo no ‘Playback’, Emma e Martín homenaxearán a Michael e Janet Jackson e Álex e Gisela sorprenderán coa súa química en ‘Bailar pegados’

Santiago, 11.10.2026.- O nivel de competición continúa subindo no programa ‘Bailamos’ (22:30 h), que este domingo contará con convidados moi especiais. A orquestra La Oca Band abrirá a gala, mentres que os campións do mundo de kizomba Nagyla e Nuno levarán ao escenario este baile de orixe angolana, nunha actuación fusión que impresionará o público e permitirá tamén gozar da convivencia entre o galego, o portugués e o brasileiro.
Na competición, Noelia converterase en Lola Índigo en ‘Ya no quiero ná’, cun ‘Playback’ que non deixará indiferente ao xurado. Outro dos grandes momentos chegará con Emma e Martín, que se porán na pel de Michael e Janet Jackson. Pola súa parte, Mauro e Alis enfrontaranse a ‘Skyfall’, de Adele, nunha complicada coreografía chea de portés e cambios de ritmo.
A gala tamén subirá a temperatura con Alejandra e Febres, que sorprenderán cunha versión moito máis ‘sexy’ da concursante. Alejandra terá que enfrontarse ás súas propias inseguridades e ao chamado síndrome do impostor, nunha semana en que Febres se converterá nun dos seus principais apoios.
Pola súa parte, Álex e Gisela serán protagonistas de ‘Bailar pegados’, de Sergio Dalma. Os dous recoñecen ter unha conexión especial desde o primeiro momento e a coreografía, chea de portés, fará que o programa se pregunte se entre eles hai algo máis que baile. A noite completarase coa viaxe á India de Brais e Rafine, que afrontarán un estilo completamente descoñecido para eles; o merengue de Juanogy e Sara con ‘La bilirrubina’, de Juan Luis Guerra, e Marinés e Miguel Mandayo, que bailarán ‘Voy a pasármelo bien’, de Hombres G.
Ademais, a gala deixará un dos momentos máis divertidos da noite cando Miguel Mandayo, Poty, Tania Zapata e Jaime Pablo Díaz se atrevan a demostrar o ‘sexys’ que poden ser nunha inesperada proba no estudio. Como sempre, o programa tamén contará con anécdotas destacadas de Poty.
Co nivel cada vez máis alto e as valoracións do xurado máis técnicas, a competición entra nunha fase decisiva: os catro últimos concursantes da clasificación terán que estar especialmente atentos ante a chegada, a próxima semana, das propostas.
