'Bailamos' chega este sábado á súa gran final, en que Mattia, Hemellyn e Iria loitarán por conseguir o premio final - CSAG
'Bailamos' chega este sábado á súa gran final, en que Mattia, Hemellyn e Iria loitarán por conseguir o premio final
Nunha gala chea de sorpresas e de emoción, a orquestra París de Noia presentará un novo tema e anunciará o nome do concursante ao que quere fichar

Santiago, 30.05.2026.- A Televisión de Galicia ofrece este sábado a gran final de ‘Bailamos’ (23:20 h), a gala máis emocionante da edición, en que Mattia, Hemellyn e Iria competirán por converterse no gañador ou gañadora do programa e levar o premio final de 10.000 €.
A gala arrancará cunha gran sorpresa de todo o equipo de ‘Bailamos’ para logo dar paso aos tres aspirantes. Os finalistas compartirán co público as súas sensacións antes de lanzarse á pista de baile afrontando dúas actuacións decisivas. Primeiro, bailarán acompañados dos seus mestres, e máis tarde chegará o momento máis esperado da noite: os derradeiros bailes individuais cos que buscarán conquistar o xurado e o público.
Ao longo do programa, os espectadores verán os últimos ensaios dos finalistas e lembrarán o seu camiño dentro do programa, nun percorrido cheo de emoción en que tamén se porá en valor a evolución persoal e artística de cada un deles. Os compañeiros eliminados compartirán as súas impresións sobre os finalistas e o ambiente estará marcado polas bágoas, os nervios e o orgullo vivido ao longo desta edición.
A música tamén terá un papel protagonista na gran final coa actuación da orquestra París de Noia, que presentará un novo tema en ‘Bailamos’ e anunciará en directo o nome do concursante en que se fixaron para incorporar ás súas filas.
Non faltarán tampouco as sorpresas nin os momentos para a celebración colectiva. Así, os doce concursantes volverán reunirse sobre o escenario nun novo baile grupal ao ritmo de ‘Let’s get loud’, de Jennifer López, nunha homenaxe final ao espírito de compañeirismo e superación que marcou esta edición.
A emoción chegará ao seu punto máis alto na decisión final do xurado, que deberá valorar arte, técnica, emoción, posta en escena, evolución e personalidade para escoller o vencedor de ‘Bailamos’. Quen conseguirá conquistalo definitivamente?