'A liga dos cantantes extraordinarios' vive unha gala con reconciliacións, sorpresas e cambios inesperados na clasificación - CSAG
'A liga dos cantantes extraordinarios' vive unha gala con reconciliacións, sorpresas e cambios inesperados na clasificación
A oitava entrega do concurso (21:55 h) conta coa estrea de ‘Buscándote’, a canción do verán de César Romero, un achegamento entre Kiowa e Kevin e unha rolda de partichelas que pode darlle a volta á competición

Santiago, 21.11.2026.- Televisión de Galicia achega este sábado a oitava entrega de ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, unha gala que arranca coa presentación da canción do verán de César Romero, ‘Buscándote’, producida polo equipo da Liga. Acto seguido darase paso ao concurso coa actuación de Avi, venezolano asentado en Ordes, que interpretará ‘Rosas y Espinas’. No medio da actuación dedicaralle a canción á súa moza, un bonito xesto que levará a Iago a comentar que lle pasara pola cabeza mercar unha orquestra para contratalo como cantante principal.
A continuación, será a quenda do dúo formado por Clara e Fani, que defenderán sobre o escenario o tema ‘Golden’. A terceira actuación correrá a cargo de Ainara, concursante do Bierzo, que conquistará o xurado cunha versión latina de ‘A quien le importa?’.
Os padriños ofrecerán un popurrí cos temas máis emblemáticos da París de Noia, antes de que a competición retome o seu curso. Yunier será o encargado de abrir esta segunda parte da gala coa súa interpretación de ‘Someone You Loved’, de Lewis Capaldi.
Tras Yunier, subirá ao escenario a sarriá Kiowa. Antes da súa actuación, aproveitará o momento para pedirlle desculpas publicamente o seu compañeiro Kevin pola dureza das súas palabras no programa anterior. Farao cun xesto simbólico, entregándolle un ramo de flores e unha caixa de bombóns. Tras este emotivo momento, Kiowa defenderá ‘Oitenteo’, un tema inédito composto polo equipo da Liga especialmente para o concurso.
A continuación chegará a quenda de Jose, representante da escudaría dos Satélites. Nada máis subir ao escenario, sorprende a María e ao público cun divertido truco de maxia, e aproveitará para lanzar unha brincadeira a Diego Barbazán. Unha vez rematada a broma, cambiará completamente o rexistro para interpretar ‘Unha noite na eira do trigo’, o célebre poema de Curros Enríquez musicado e popularizado por Pucho Boedo.
O peche das actuacións corresponderalle a Kevin, o concursante masculino máis novo da edición, que se porá na pel de Joaquín Sabina para defender o clásico ‘19 días y 500 noches’, nunha das interpretacións máis agardadas da noite. Porén, a noite aínda gardará unha sorpresa. Chega o momento das partichelas e o resultado alterará por completo a clasificación.