O Estudo Xeral de Medios sinala a TVG como a canle líder en Galicia - CRTVG
O Estudo Xeral de Medios sinala a TVG como a canle líder en Galicia
A segunda a onda do EXM de 2024, coñecida este martes, sitúa a canle galega nunha cota media do 21,4% no conxunto da semana
TVG é a máis vista nas franxas das mañás, no mediodía e na do prime time
Na franxa informativa do mediodía, cos espazos ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, a cota dispárase ata o 33,9%
TVG é tamén a canle líder entre as televisións autonómicas de FORTA
Santiago, 02.07.2024.- Televisión de Galicia segue a ser a canle máis vista en Galicia e tamén entre as televisións autonómicas, segundo a segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicada este martes, baseada na mostra recabada entre o 20 de marzo e o 4 de xuño. A TVG medra ata o 21,4% de cota de pantalla no conxunto da semana, o que significa 8 puntos máis de share que o seguinte competidor privado e o dobre que a outra canle pública, La1 (10,8%).
Os galegos elixen TVG para informarse na franxa das mañás, cun 18,6% ao mediodía e á noite. No mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), destaca especialmente o bloque do ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, en que a TVG acada o 33,9% de cota de pantalla con picos de audiencia do 45% no Telexornal.
O EXM salienta tamén que no prime time, a franxa de maior consumo da xornada, TVG acada un 17,8% de cota media, superando en 5,8 puntos a Telecinco. Por días da semana, destaca a audiencia acadada os xoves (22,7%), venres (31,3%) e domingos (26,4%).
Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana
Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista todos os días da semana, superando en cinco puntos as seguintes canles máis vistas da Federación de Organismos Autonómicos.