Arranca nova temporada da Radio Galega máis interactiva, con novas voces e todo a un clic en AGalegaAudio.gal - CRTVG
Arranca nova temporada da Radio Galega máis interactiva, con novas voces e todo a un clic en AGalegaAudio.gal
Por primeira vez, a parte informativa do ‘Galicia por Diante’ será emitida de forma simultánea pola TVG entre as 7 e as 8 da mañá, no espazo presentado Celia Rúa e Luís Ojea
Súmanse novas voces aos faladoiros e tamén novos colaboradores ao ‘Diario Cultural’, como Pablo Sánchez Quinteiro, Manel Cráneo ou Patty Castro
‘Pensando en ti’, o programa líder das noites, estrea presentadora, Raquel Rosa, e ‘Ao Contraataque’, de Pedro Pablo Alonso, adianta o seu horario ás 22:00 h
Toda a programación de Radio Galega en directo e os podcasts poderán seguirse a través da plataforma AGalegaAudio.gal
Santiago, 01.09.2024.- A Radio Galega pon en marcha este luns 2 de setembro a súa nova programación para o curso 24-25, o do 40 aniversario dos medios públicos galegos. Esta é a primeira temporada que comeza xa con toda a despregadura dixital a través de AGalegaAudio.gal, que naceu o pasado mes de xaneiro.
Seguindo coa tendencia dixital e multicanle, o ‘Galicia por Diante’ vaise emitir por primeira vez tamén a través da TVG no tramo de 7 a 8 da mañá da man de Celia Rúa e Luís Ojea. Na súa parte informativa, comezará ás 06:00 h, irá ata as 09:30 h e contará con novas voces para analizar a actualidade diaria. Así, aos faladoiros da Radio Galega súmanse as voces de Xosé Gago, Carme Adán, Elías Torres Feijóo, Cristina Ares, José Julio Fernández, Marta Rodríguez Arias, Pablo Vázquez e Julia Rodríguez. Outra das novidades desta nova temporada do programa é unha mesa deportiva que contará como voces como as de Fernando Romero e Mariano Raskin.
A partir das 09:30 h e ata as 14:00 h segue o ‘Galicia por Diante’, capitaneado por Kiko Novoa, con Cristina García e todo o seu equipo para afondar na actualidade do día desde a súa particular perspectiva. O humor e o entretemento seguirán a ser dous dos eixes vertebradores do programa, en que a audiencia seguirá sendo a protagonista nos temas que cada día marcan a actualidade. Dentro do ‘Galicia por Diante’ seguirá habendo espazo para a hora máis falangueira da Radio Galega en ‘A Bóla Extra’.
Deseguido, Xosé Valiñas presenta a edición das 14.00 h de ‘A Crónica’ para achegar toda a actualidade diaria. E, tras a información, chega ‘A Tarde’, con Antón Rebollido, a partir das 15:00 h. Na tripulación de Antón, entre outros, non faltará Virtudes ‘A Repunante’, coa súa visión anacrónica do mundo e opinando de todo sen saber de nada. Como novidade esta temporada, o programa sumará unha mesa de actualidade para abordar desde todos os puntos de vista os temas que están nas conversas do día a día.
A información segue con Silvia Pereira partir das 19:00 h cunha nova edición de ‘A Crónica’, ata as 22.00 h. Con novas voces tamén no faladoiro e con toda a actualidade da xornada, cun especial interese nas novas de proximidade e coa interpretación máis plural dos temas do día. Ademais, incluirá os espazos temáticos ‘Mar de Ardora’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Lambóns Dixitais’ e ‘Efervesciencia’, de luns a xoves ás 21:00 h.
No ámbito deportivo, ‘Ao Contrataque’ adianta a súa emisión ás 22.00 h para analizar a actualidade do deporte galego. Ata as 00:00 h, o programa, dirixido por Pedro Pablo Alonso, incluirá a análise dos protagonistas e faladoiros con colaboradores expertos.
O ‘Pensando en ti’ tamén presenta novidades nas madrugadas da Radio Galega. Raquel Rosa será a encargada de conducir o mítico programa líder das noites galegas de luns a xoves, pero non estará soa, xa que contará cos humoristas Pepe Capelán e Isi para darlles voz aos verdadeiros protagonistas, os oíntes.
Piñeiro volve ás fins de semana
Xosé Manuel Piñeiro volve á radio coa súa ‘Sesión Vermú’, dúas horas de entretemento musical fresco e divertido en que os artistas galegos, as orquestras do país, as charangas, as bandas de música, as comisións de festas e, por suposto, os oíntes poranlle ritmo ás mañás do sábado na Radio Galega, de 12:00 a 14:00 h.
Piñeiro tomará a remuda de Isabel Pichel, que esta temporada será a voz que traslade o relato xornalístico do ‘Galicia por Diante’, de 09:30 a 12:00 h da mañá. O cardiólogo Juan Antonio Juanatey, o físico Jorge Mira, o xornalista Manuel de Lorenzo e o divulgador musical Javier Becerra contarán esta temporada cunha nova compañeira, Carlota Mosquera, quen lle porá un toque de humor fresco ás fins de semana.
E toda a emoción do deporte galego chega, coma sempre, con Xoán Galán, Rodrigo Pérez Pardo e con todo o equipo do ‘Galicia en Goles’, o programa decano da Radio Galega. Os sábados e domingos, a narración dos partidos desde decenas de campos e pavillóns de Galicia e os faladoiros seguirán nun dos programas máis seguidos e queridos da emisora pública.
Máis voces no ‘Diario Cultural’
Na cultura tamén hai voltas esperadas e novas sorpresas. No ‘Diario Cultural’, ao equipo habitual da Radio Galega incorpóranse novas voces en novos eidos, algúns pouco explorados ata o de agora, como pode ser o heavy metal. Será Patty Castro a que leve os oíntes da Radio Galega a través dese universo sonoro, sen esquecer outros estilos dos que é especialista. Con Manel Cráneo, o ‘Diario Cultural’ abordará a banda deseñada, e Pablo Sánchez Quinteiro guiará a audiencia a través da música clásica.
Todo en AGalegaAudio
E toda esta programación pode seguirse desde xa en AGalegaAudio.gal, a maior plataforma de contidos de radio en galego do mundo, con toda a programación da Radio Galega, un amplo abano de podcasts e contidos nativos exclusivos. AGalegaAudio.gal é gratuíta, pode accederse a ela vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store.