CRTVG Viva - CRTVG
CRTVG Viva
O documental ‘Inside the iranian uprising’ e a película 'Sweet Virginia', nas estreas de AGalega.gal esta semana

A plataforma AGalega.gal estrea este xoves 13 de xuño o documental ‘Inside the iranian uprising’, que narra os acontecementos en Irán durante as protestas que sacudiron o país no 2023. ‘Inside the iranian uprising’ permite ver desde dentro, e baixo unha nova luz, un réxime baixo unha presión sen precedentes tralas protestas que sacudiron Irán desde a morte dunha moza en custodia policial, cunha colección de imaxes filmadas polos manifestantes, moitas das cales nunca foron vistas previamente.
E o venres 14 amplíase a oferta de cine da plataforma coa estrea do thriller indie ‘Sweet Virginia’, película aclamada pola crítica estadounidense que fusiona o western co xénero noir e retrata unha Norteamérica moi desgastada a través da historia e das relacións de catro personaxes. Esta longametraxe, do director Jamie M. Dagg, amosa a vida de Sam, quen foi campión de rodeos e agora vive apartado nunha vila pequena de Alasca, onde rexenta un motel. Un sanguento atraco na zona, que acaba en asasinato, levarao a unha situación que non espera e chea de segredos e violencia.
Estas dúas incorporacións súmanse aos novos capítulos de series e programas como ‘É pecado’, a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres; o programa ‘Galegos’, que ofrece perfís de persoas sobranceiras da vida política, social e cultural de Galicia; ou os espazos ‘Buscadores de naufraxios’ e ‘Os ríos da vida’.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
Os espectadores de ‘Cos pés na terra’ probarán o shiitake, un manxar chegado de Asia, esta noite no prime time da TVG

Santiago, 11.06.24.- Esta noite, no prime time, TVG ofrece unha nova entrega de ‘Cos pés na terra’, seguido do espazo ‘Os ríos da vida’, no que se coñecerá todo o percorrido do río Umia desde o seu nacemento ata a ría de Arousa. No ‘Cos pés na terra’ deste martes van saltar chispas, concretamente as que deixa detrás de si Álvaro, un rapaz afeito a transformar o ferro en coitelos.
Ademais, os espectadores están convidados a probar o shiitake por Pazos, produtor deste manxar chegado de Asia, un manxar que en Galicia non tratamos nada mal. E tamén, da man do mestre Avelino, ‘Cos pés na terra’ meterase de cheo nun curso de mozos preparadores de vacas de concurso. Alí os nenos van aprender a lavar, peitear e manexar estes animais.
Deseguido, o programa ‘Os ríos da vida’ realiza esta semana un itinerario polo Umia, que percorre toda a provincia de Pontevedra. Na entrega desta noite, Laura Vaqueiro percorrerá o río desde que nace na Raigosa, entre os concellos da Estrada e Forcarei, xusto a medio camiño entre os ríos Deza e Lérez. Despois percorre 60 quilómetros, toda a provincia de Pontevedra, para desembocar en Cambados, formando un fermoso esteiro na ría de Arousa.
A CRTVG acode esta semana ao 45º Celtic Media Festival, en Gales, con 14 candidaturas

Santiago, 03.06.2024.- Cardiff, a capital de Gales, acolle esta semana a 45ª edición do Celtic Media Festival, certame internacional do sector audiovisual en que a CRTVG ten unha presenza activa e ao que acode con 14 candidaturas. Doce producións teñen o selo da canle pública (a película ‘O Corno’ é candidata en dúas categorías) mentres que a Radio Galega pode ser nomeada a ‘Estación de radio do ano’. Os galardóns iranse anunciando entre o 4 e o 6 de xuño.
Outras producións candidatas aos premios son o filme de animación ‘O soño da sultá’; os documentais ‘María Casares’, a muller que viviu mil vidas’ e ‘Galegos D’Ouro’; a serie ‘Operación Marea Negra’ e o concurso escolar ‘Pim Pam Experimenta’. As candidaturas da Televisión de Galicia aos Premios Celtic Media Festival 2024 complétanse cos programas ‘Galicia Bonita’, ‘Unha historia de crimes’, ‘Comisión de Festas’, ‘O mellor tractor do mundo’, ‘Coa luz do corazón’ e ‘Ondas Novas’.
No programa de traballo do festival, a xefa de Contidos da CRTVG, Montse Besada, intervirá como xurado na sesións de pitching de presentación de proxectos. Ademais, o mércores día 6, María Sabucedo, xestora da nova plataforma dixital AGalega.gal, participará no panel dedicado á programación infantil e o consumo dixital de contidos ‘Where are the kids?’ (‘Onde están os nenos?’), en que se reflexionará sobre o abandono da televisión como canle para a programación infantil e xuvenil, o que nos medios públicos galegos se aborda coa ampliación da oferta para este público na plataforma Xabarin.gal.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada en que participan canles de orixe celta, como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne. A CRTVG participa anualmente nela para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Os seus foros e programas de actividades supoñen un interesante espazo de traballo do que xorden proxectos audiovisuais e intercambio de coñecemento.
A CRTVG presenta a súa plataforma dixital AGalega no marco da Cátedra CIRCOM-UVigo

Santiago, 26.04.2023.- A CRTVG presentou este venres a súa plataforma dixital AGalega (AGalega.gal, AGalegaAudio e Xabarín), creada en xaneiro, no marco do workshop ‘Shaping Media for the Future’ ou ‘Moldeando os medios de comunicación para o futuro’ da Cátedra CIRCOM-UVigo, xornada que reúne profesionais e académicos nacionais e internacionais para debater sobre xestión e innovación nos medios de comunicación. O director de Contidos da CRTVG, e secretario xeral de CIRCOM, Fernando R. Ojea, e o reitor da Universidade, Pachi Reigosa, inauguraron a xornada.
A directora do proxecto da nova OTT da CRTVG, María Sabucedo, realizou a primeira intervención do taller, que conta coa participación de profesionais de canles como RTVE, a televisión de Suecia SVT, a RTP de Portugal e de universidades como a London School of Economics. Este evento, o primeiro que organiza a Cátedra CIRCOM-UVigo creada en 2023, conta con relatorios sobre innovación nos medios de comunicación de servizo público e o novo relato informativo no eido dos medios na era dixital, facendo unha análise sobre os procesos de modernización nas televisións públicas europeas.
A Cátedra CIRCOM-UVigo está xestionada desde as dúas institucións, a universidade viguesa e CIRCOM Regional, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Os principais responsables do proxecto son o profesor e xornalista da TV pública eslovena Zoran Medved e o profesor Xosé Rúas, da Universidade de Vigo.
O obradoiro está sendo seguido presencialmente por universitarios e profesorado galego e tamén en streaming desde distintos puntos de Europa.
AGalega, AGalegaAudio e Xabarín incorporan a día de hoxe máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua do mundo. As tres plataformas están a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web, e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, e nas principais televisións intelixentes.
Televisión de Galicia gaña o premio europeo CIRCOM co documental 'A Cero.5'

Santiago, 17.04.2024.- O documental da Televisión de Galicia ‘A Cero.5’ alzouse co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais, segundo foi anunciado este mércores pola entidade, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Trátase do documental autobiográfico do vigués Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo axúdaronlle a superalo. ‘A Cero.5’ atópase dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.
Os Premios CIRCOM serán entregados este ano nunha gala que terá lugar na cidade de Poznan, en Polonia, o 23 de maio, no marco da celebración da 40ª conferencia anual da organización. O seu xurado, formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, reuniuse na sede da BBC en Birmingham (Reino Unido) e salientou a alta participación nesta edición, con producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.
Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción. En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.
E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.
Estrea da película para toda a familia 'Voando xuntos' e curtas para nenos en AGalega e Xabarín

Santiago, 26.03.2024.- A plataforma dixital AGalega propón cine infantil e familiar para estas vacacións de Semana Santa. Para o público infantil, Xabarín.gal conta coa sección ‘Filmes pequenos’ con catro películas curtas: ‘O Grúfalo’, ‘A filla do Grúfalo’, e ‘A rebelión dos contos I’ e ‘A rebelión dos contos II’.
‘O Grúfalo’ é unha curtametraxe de animación de media hora que namorou a medio mundo: foi candidata ao Óscar como mellor curtametraxe de animación no ano 2009. En ‘A filla do Grúfalo’, a pequena grúfala adéntrase no bosque disposta a coñecer a ese terrible rato ao que tanto teme seu pai. Existirá de verdade ese malvado ser? As aventuras do Grúfalo e da filla do Grúfalo son dúas encantadoras historias, baseadas nos contos clásicos da escritora inglesa Julia Donaldson, recoñecida como un dos referentes da literatura infantil contemporánea.
Baseadas na obra homónima de Roald Dahl, as curtametraxes ‘A rebelión dos contos I’ e ‘A rebelión dos contos II’, ofrecen unha nova visión dos contos clásicos, cambiando os roles dos protagonistas e, en consecuencia, o seu final, cunha narración en verso enxeñosa e humorística. Imaxinemos que Carapuchiña Vermella e Brancaneves son vellas amigas. Aliaríanse para desfacerse dos depredadores esfameados ou da sogra asasina? E que pasaría se a Cinsenta non quixese o príncipe azul?
Película de aventuras para todos: 'Voando xuntos', este mércores
Agalega.gal estrea este mércores a película de aventuras ‘Voando xuntos’, baseada nunha historia real. Nela Thomas, un rapaz obsesionado cos videoxogos, non quere pasar unhas vacacións en plena natureza co seu pai, científico dedicado ao estudo dos gansos salvaxes. Porén, pai e fillo uniranse nunha aventura incrible: salvar unha especie en perigo de extinción coa axuda dun ultralixeiro.
AGalega naceu en xaneiro con dúas apps integradas, Xabarín e AGalegaAudio, que tamén se poden descargar de forma individual. Ao igual que outras plataformas como Netflix ou Amazon Prime, os contidos de AGalega van rotando e non están dispoñibles todos ao mesmo tempo, na procura dun servizo atractivo para o usuario, que pode rexistrarse para gozar das funcionalidades personalizadas e os avisos de contidos exclusivos da plataforma. agalega.gal
Este venres chega aos cinemas o documental 'Rapa', dirixido por Alejandro Enríquez e apoiado pola TVG

Santiago, 20.03.2024.- O documental ‘Rapa’, dirixido por Alejandro Enríquez, e que conta co apoio da TVG, chegará aos cinemas galegos este venres. Esta película retrata a tradición da Rapa das Bestas na Galicia rural e ofrece un relato sensible sobre a loita dunha comunidade por manter vivo o seu vínculo ancestral coa terra e os cabalos salvaxes.
Alejandro Enríquez guía o público cara a unha viaxe visual e emocional, explorando a crise existencial do cabalo galego de monte, ameazado, entre outras cousas, polos ladróns de gando, os lobos e os parques eólicos. ‘Rapa’ é un relato con conflitos equinos e humanos nun contexto onde as persoas están conectadas coa natureza.
O filme está protagonizado polos veciños e veciñas da pequena aldea de Sabucedo, que preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade, pero case non queda xente para defender o territorio. Unha vez ao ano, a aldea celebra a Rapa das Bestas e 15.000 persoas acoden para ver os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da rapa: cada ano hai menos bestas no monte e, coma nun espello, menos xente na aldea.
A estrea de ‘Rapa’ nos cinemas, que terá lugar o 22 de marzo, contará cunha xira especial en salas de varias localidades galegas, que promete ser unha experiencia cinematográfica que vai máis aló dun simple testemuño visual da tradición galega.
O documental 'O futuro é das cabras', de Oliver Laxe, chega a AGalega

Santiago, 15.03.2024.- Agalega.gal estreou este xoves a última obra de Oliver Laxe, o documental ‘O futuro é das cabras’, unha visión do futuro de Galicia a través da singular mirada dun dos cineastas galegos máis premiados internacionalmente.
‘O futuro é das cabras’ explora a visión do futuro de Galicia a través da narrativa singular de Oliver Laxe, quen utiliza o simbolismo e a metáfora para reflexionar sobre o futuro da rexión, tecendo a relación entre a vida tradicional de Galicia e as súas perspectivas para ofrecer unha visión do que podería ser o futuro da Galicia rural. Neste documental, Oliver Laxe achega o seu mundo máis próximo, A Vilela, onde intenta construír o seu proxecto de vida ao tempo que reflexiona sobre a espiritualidade, o sinxelo e o simbólico, sobre o terreo en que está enraizado o noso futuro. O documental relata como en maio de 2021 un grupo de arqueólogos comeza os traballos de estudo do castro do Teso da Ermida nunha montaña dos Ancares (Lugo). Na outra ladeira, Suso e Oliver, veciños de Vilela, preparan o peche para introducir cabras nunha zona abandonada. Pretenden facer un cinto que protexa as casas e o monte dos posibles incendios.
O catálogo de AGalega conta tamén con ‘O que arde’, a aclamada longametraxe de Laxe gañadora en Cannes no 2019 do Premio do Xurado da sección ‘Un certain regard’. ‘O que arde’, a película con máis recadación e máis vista en lingua galega, foi a primeira cinta en galego proxectada na sección oficial do festival francés.
En xaneiro deste 2024 naceu a plataforma dixital dos medios públicos galegos, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. En total, sumando estas tres novas canles, son máis de 10.000 os contidos dispoñibles ata o momento.
A película '+Cuñados', participada pola TVG, chegará aos cines o 19 de abril

Santiago, 13.03.2024.- O vindeiro 19 abril estréase en cinemas ‘+Cuñados’, a secuela da exitosa comedia ‘Cuñados’, producida por Portocabo e participada pola Televisión de Galicia. Nesta nova entrega, dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do acontecido na primeira película. Os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como pano de fondo.
O filme, rodado en galego, contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles sumaranse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá.
‘+Cuñados’ é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e da D. O. Ribeiro e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Baños Films encargarase da distribución en España.
Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volverá ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. Como novidade, a cidade de Ourense e as súas localizacións terán un maior peso na película. En ‘+Cuñados’, os espectadores poderán percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido.
Éxito da primeira entrega
‘Cuñados’ logrou a maior estrea na historia do cine en galego ata o momento, con máis de 120 salas na súa primeira fin de semana. Conseguiu que milleiros de espectadores volveran ao cine en tempos de pandemia e situouse como unha das mellores estreas españolas de 2021. Tras a súa viaxe por salas de cine, a película foi vendida a outros territorios internacionais como Grecia, Suíza ou toda a América Latina. Tamén percorreu decenas de localidades de Galicia, Portugal e outras partes de España, baixo os diferentes ciclos de verán que se realizaron.
Seguindo a estela de ‘Cuñados’, esta secuela propón de novo unha longametraxe que fale da cultura e idiosincrasia galegas e da súa peculiar maneira de facer rir. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, ‘+Cuñados’ continúa coa aposta por facer comedias familiares en galego.
O documental 'Salvaxe, salvaxe', participado pola TVG, triunfa no Festival de Cine de Málaga

Santiago, 11.03.2024.- A cinta ‘Salvaxe, salvaxe’, dirixida polo realizador ourensán Emilio Fonseca e participada pola TVG, conseguiu a Biznaga de Prata ao mellor documental na Sección Oficial da 27ª edición do Festival de Cine de Málaga, que esta fin de semana rematou na cidade andaluza coa entrega dos galardóns.
O xurado do certame recoñeceu esta produción co máximo premio na categoría de documentais “por repensar a categoría de salvaxe desde a nosa apocalipse climática, reinventando unha sensibilidade híbrida onde ollo e ouvido se volven medio animal, medio humano, medio técnico, convidándonos a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia interespecie”.
En ‘Salvaxe, salvaxe’, a cámara de Emilio Fonseca adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico. Este ensaio fílmico atravesa unha historia relacional cargada de sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.
Os Telexornais da TVG estrean este luns o novo estudio de Informativos

Santiago, 04.03.2024.- O ‘Telexornal Mediodía’ deste luns día 4 de marzo é o primeiro informativo da TVG en emitirse desde o novo Estudio 300 de San Marcos, que foi estreado co gallo do debate electoral de febreiro e o especial ‘Eleccións 18F’.
Ábrese así unha nova etapa para os Servizos Informativos da Corporación cunha imaxe e unha narrativa audiovisual renovadas, e todas as posibilidades tecnolóxicas do estudio. Dotado dunha gran pantalla angulada de 36 metros, a máis grande das canles en España, o estudio estrea o equipamento técnico máis punteiro, e permite integrar imaxe, gráficos, animación 3D e realidade aumentada ao relato informativo.
Nas vindeiras semanas completarase a transición a este novo estudio con outros programas informativos como o ‘Galicia Noticias’, o deportivo ‘En Xogo’ ou o cultural ‘Zigzag’.
A emisión de directos de TVG e da G2 –que emite a diario os ‘Telexornais’ en lingua de signos- pode seguirse tamén desde a nova plataforma dixital AGalega (agalega.gal), tanto en web como a través das apps para dispositivos móbiles dispoñibles tanto para iOS como Android.
O atentado da discoteca Clangor de Santiago protagoniza o documental 'Viaxe á fin da noite santiaguesa' na plataforma dixital AGalega

Santiago, 21.02.2024.- ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, da serie documental ‘Historias de aquí’, é o novo título que se estrea este xoves, en exclusiva, na plataforma dixital da canle pública, AGalega. Esta peza achégase ao atentado producido na discoteca compostelá Clangor en 1990.
O documental viaxa ao 10 de outubro dese ano. Aínda que é mércores, moitos estudantes universitarios quedan para saíren pola noite en Santiago de Compostela. A cidade vive o apoxeo universitario e as sensacións de euforia e liberdade enchen rúas, pubs e Clangor, o templo desta movida. Paula e Ana atópanse con Fran e Miguel. Apenas se coñecen, pero teñen ganas de pasalo ben. A última parada é Clangor. Cando está soando a primeira canción da sesión do disc-jóckey, as súas vidas vense truncadas para sempre. En ‘Viaxe á fin da noite santiaguesa’, os protagonistas falan da súa vida universitaria, das súas ilusións e da percepción de inmortalidade na noite en que a inocencia morreu e, con ela, a movida compostelá.
‘Historias de aquí’ é unha serie que fusiona o documental e a ficción para dar unha perspectiva única sobre acontecementos, personaxes icónicos e fitos culturais que deixaron unha pegada imborrable na nosa memoria colectiva. Cada caso está dividido en dous episodios de 30 minutos. Neles, as voces dos expertos e dos protagonistas enlazan cunha ficción que non só as complementa, senón que lles proporciona un enfoque distinto. ‘Historias de aquí’ conta historias tráxicas, coma o accidente aéreo de Montrove -xa dispoñible na plataforma AGalega- ou momentos irrepetibles, como o da movida viguesa ou o achado duns aneis medievais con supostos poderes milagreiros, e que se irán estreando en exclusiva na nova canle dixital da CRTVG.
Primeiro mes de vida de AGalega
O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. En total, sumando estas tres novas canles, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.
Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou teléfono) á smart tv a través do duplicador de pantalla, e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.
Este mércores, un novo capítulo da comedia 'Na Gloria', en exclusiva na plataforma dixital AGalega

Santiago, 20.02.2024.- ‘Na Gloria’, a serie nativa dixital dispoñible en exclusiva na plataforma dixital da canle pública, AGalega, estrea este mércores o seu segundo capítulo, titulado ‘O triángulo’. Cada semana, a plataforma contará cunha entrega nova desta comedia de 15 episodios dirixida ao público familiar, que foi a primeira grande estrea de ficción na OTT da CRTVG. A serie está protagonizada pola actriz galega Cristina Castaño, o intérprete andaluz Dani Rovira, Xosé Antonio Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga.
Rodada en Culleredo (A Coruña), ‘Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, coa produción de Tex45 e Undodez. A trama desenvólvese na imaxinaria A Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés onde unha executiva en crise existencial (Cristina Castaño) decide darlle un cambio radical á súa vida e converter a casa dos seus avós nun hotel para peregrinos. Para levar a cabo o seu soño conta coa axuda do seu mellor amigo, un chef vegano de fama internacional (Dani Rovira). A chegada dos dous chocará coa vida da aldea, en que a protagonista viviu os felices veráns da infancia, pero onde agora vai atopar todo tipo de situacións de estrés.
No capítulo que se estrea este mércores, Pati, a dona do hotel, precisa da axuda de Lolo e os seus requirimentos son interpretados erroneamente. Lolo pensa que Pati está intentando seducilo e, de súpeto, vese convertido nunha sorte de obxecto sexual de usos múltiples. Menos mal que desta vez as cousas tampouco son o que parecen ser.
Primeiro mes de vida de AGalega
O 17 de xaneiro naceu para o gran público a plataforma dixital AGalega, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. No seu primeiro mes de vida, rexistrou 396.000 sesións repartidas en 125 países distintos. Tras España, coa meirande parte deste rexistro, en segundo lugar sitúanse os Estados Unidos con case 6.000 sesións. Terceiro posto para Suíza, con máis de 5.000, e, en cuarto lugar, o Reino Unido, con 4.700. Por riba das 2.000 sitúanse Alemaña, Francia, A Arxentina, e logo seguen destacados Portugal, O Brasil, Holanda, México e O Canadá, todos eles por riba das mil sesións. Completan esta lista de 125 países algúns tan dispares como Seychelles, Togo ou Uzbekistán.
O humor triunfa en AGalega, xa que o máis visto neste tempo son as estreas das comedias nativas dixitais, como ‘Na Gloria’, ou ‘Ghuasapp’, que se poden ver en exclusiva na plataforma. A estas comedias seguen as longametraxes ‘Jacinto’, ‘Cuñados’ e ‘O que arde’. En total, sumando as tres novas canles -AGalega, Xabarín e AGalegaAudio-, son máis de 9.000 os contidos dispoñibles.
Actualmente, a AGalega pode accederse vía web (www.agalega.gal), e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store. A recomendación é empregar sempre a última actualización, xa que nesta fase de lanzamento as melloras de usabilidade son diarias. No que respecta ás smart tv, pode accederse a través de 4 opcións: descargando a app directamente en televisores LG e no Chromecast con Google TV; enviando o sinal desde un teléfono Iphone tanto ao Chromecast como directamente aos televisores intelixentes que conten con tecnoloxía Air Play, como os Samsung; enviando o sinal desde un dispositivo Android (tablet ou telefóno) á smart tv a través do duplicador de pantalla; e finalmente, enviando o sinal ao smart tv directamente desde o navegador de www.agalega.gal. Proximamente as apps estarán tamén dispoñibles para a descarga directa noutros televisores intelixentes e en Fire TV.
A TVG producirá oito obras de teatro galego para televisión

Santiago, 25.01.2024.- A TVG emitirá obras de teatro galego adaptadas para televisión nun proxecto audiovisual que inicia a produción nos próximos días. En total, en 'Fila 1, Butaca G' programaranse oito obras recoñecidas polo público e a crítica, que se gravarán no auditorio do Grove (Pontevedra) con presenza de público e con artistas convidados. Deste xeito creativo preténdese poñer en valor, e a disposición dos televidentes, algúns dos mellores exemplos da dramaturxia galega.
O proxecto, que desenvolve a produtora Tamboura, abrangue oito obras teatrais: ‘Somos criminais’, de Aíné Producións; ‘Hoy puede ser mi gran noche’, de Teatro en Vilo; ‘Saaabor!’, de Cultura Activa; ‘Chungo’, de Luís Zahera; ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro; ‘Códice K’, de Ainé Producións; ‘Amantis’, de Rebordelos, e ‘DEP, unha comedia de morte’, de Malasombra Produciones.
O obxectivo da televisión pública galega é aproveitar e divulgar o traballo realizado polas compañías, actores e actrices para levar o teatro a todos os galegos a través dos medios públicos. Isto permitirá destacar o calibre artístico dos profesionais da representación galegos e brindarlles unha plataforma de visibilidade. Ademais, 'Fila 1, Butaca G' poñerá en valor destacados directores como Cándido Pazó ou Tito Asorey. A aparición de caras coñecidas que falen e comenten o espectáculo desde o humor e cos seus coñecementos artísticos, completará o proxecto, presentando cada obra, contextualizándoa e achegando unha reflexión final.
Este martes, especial ‘Galicia en goles’ na Radio Galega co partido de Copa do Rei de fútbol entre o Celta e a Real Sociedade

Santiago, 22.01.2024.- O Celta de Vigo afronta este martes o partido máis importante do que levamos de temporada contra a Real Sociedade. Desde as 21:00 h, a Radio Galega poñerá en marcha nas emisións de FM e agalegaaudio.gal a retransmisión da eliminatoria de cuartos de final da Copa do Rei de fútbol, que se decide a partido único. O equipo vigués conta co factor campo ao seu favor, pero o rival parte como favorito.
Os dous equipos enfrontáronse o sábado pasado na competición de Liga, con vitoria donostiarra por 0-1 e gol marcado por Brais Méndez, ex-xogador do Celta. Así e todo, a ilusión do cadro de xogadores e da afección aumenta a medida que se achega o día, porque está en xogo a clasificación para as semifinais do torneo do k.o.
Paco Santos dirixirá a edición especial de ‘Galicia en goles’, con Roberto Carlos Carballo, Víctor López e Moncho Carnero situados no estadio municipal de Balaídos. Ao remate do xogo comezará ‘Ao contraataque’, desta volta conducido por Toni López García. No programa, os oíntes poderán escoitar aos adestradores Rafa Benítez e Imanol Alguacil desde a sala de prensa e, posteriormente, aos mellores xogadores na zona mixta. A emisión prolongarase ata as 01:00 h.
O Celta-Real Sociedade do martes abre unha semana chea de eventos deportivos no calendario. Así, o sábado a atención estará posta no fútbol da Primeira RFEF co Arenteiro-Teruel e o Lugo-Real Sociedade B, ademais do Manresa-Breogán de baloncesto. Xa o domingo, a xornada será maratoniana para o equipo deportivo da Radio Galega, que ten programada a emisión de ‘Galicia en goles’ de 11:45 h ata as 01:00 h. Durante as máis de trece horas de programación, os oíntes escoitarán as retransmisións do Celta-Xirona, Spórting de Xixón- Rácing Ferrol, Celta Fortuna-Deportivo, Baskonia-Obradoiro e a final da Copa Princesa entre o Estudiantes e o Basquet Coruña.
A TVG estrea 'Noite Xigante', o novo show do sábado noite

Santiago, 18.01.2024.- Un novo programa semanal para toda a familia chega á Televisión de Galicia. ‘Noite Xigante’ é a nova aposta para as noites dos sábados, un concurshow de ritmo frenético cheo de música e baile, que sorprenderá o público con grandes actuacións musicais, probas, premios e convidados famosos con ganas de pasalo ben.
A nova festa dos sábados na TVG comezará ás 22:00 h e terá como mestra de cerimonias a todo terreo María Mera (presentadora de ‘Carballeira’ e ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’), que estará acompañada nesta aventura polo cantante César Romero, membro da orquestra Cinema, como polifacético colaborador. Neste primeiro programa, estarán acompañados polo carismático cantante Carlos Baute, ademais de recibir a visita de Diana Nogueira e Manuel San Martín, todo amenizado coa animación da Fanfarria Farruca.
O caldeirón porá a proba a valentía dos concursantes
‘Noite Xigante’ é un concurshow, cheo de sorpresas e espontaneidade, onde cinco concursantes, cargados de boa enerxía, porán a proba a súa intuición, nervios e pericia en distintas probas. A valentía dos concursantes tamén se medirá co caldeirón, un aparello xigante que lanza un líquido viscoso que promete converterse no momento estrela do programa.
Como non podía ser doutro xeito, o show contará con probas moi orixinais para que os seus concursantes demostren o que valen: unha cámara oculta con sorpresa, unha rolda rápida de preguntas, diversas probas de pericia visual ou física e ata retos musicais.
O concursante que sexa capaz de superar as distintas probas chegará á final, onde poderá gañar o premio dos premios: un grande escaparate valorado en milleiros de euros, con agasallos como unha viaxe ao Caribe, unha bicicleta, varios aparellos tecnolóxicos, un reloxo e outros produtos que mesmo poderán ser tamén para o público do programa.
A CRTVG presentou este venres en Santiago a súa nova serie para o público xuvenil 'Os argonautas'

Santiago, 12.01.2023.- A CRTVG presentou este venres en Santiago de Compostela a súa nova ficción de aventuras para o público infantil e xuvenil, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, nun acto no auditorio Abanca. Destinada a rapaces de 8 a 12 anos, a serie estrearase na nova plataforma dixital dos medios públicos, en que quedará dispoñible para o consumo á carta. Esta plataforma dixital entrará en funcionamento este mes de xaneiro.
Escolares de primaria e secundaria gozaron hoxe do primeiro episodio da serie nunha proxección en Santiago. Coñeceron os cinco amigos protagonistas, Alba, Lucas, Sali, Olivia e Nil, que viven un emocionante verán nunha vila mariñeira (Laxe, A Coruña), enfrontándose a perigos e descubrindo o valor da amizade. A produción inspírase en grandes clásicos literarios e cinematográficos coma 'The Breakfast Club' ou 'The Goonies', adaptándoos aos cativos do século XXI.
Dirixida por Toño López e Lucía Estévez, ‘Os argonautas e a moeda de ouro’ é unha ficción integradora, con nenos de realidades diversas. O elenco está composto, entre outros, por Eva Fernández, Xosé Antonio Touriñán, Víctor Mosqueira, Denis Gómez, César Cambeiro, Federico Pérez e os mozos Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
TVG participa nesta ficción coproducida por RTVE e a produtora galega Portocabo, e que conta ademais co apoio do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
Primeiro capítulo: o inicio do verán
A serie arranca coa chegada de Alba á vila de pescadores Rodas para pasar as vacacións na casa da súa tía Helena. Aínda que agarda un verán aburrido e solitario, pronto fará novos amigos: Lucas, Sali, Olivia e Nil. Xuntos farán un descubrimento extraordinario: atoparán unha moeda de ouro da época romana. O descubrimento levaraos ao rastro dun tesouro, aínda que, polo camiño, se atoparán con poderes escuros, encabezados por Nina, que quere construír unha urbanización de luxo na cidade, que tratarán de facelos fracasar. E mentres unen forzas, descubrirán que a súa amizade é máis forte que todos os obstáculos que poidan atopar.
‘Os argonautas e a moeda de ouro’ / Ficha técnica
⦁ Xénero: Kids live action
⦁ Episodios e duración: 20 x 22 minutos
⦁ Creada por: Jose Rubio e Alfonso Branco
⦁ Produción executiva: Alfonso Blanco (Portocabo) e Borja Gálvez (RTVE)
⦁ Dirección: Toño López e Lucía Estévez
⦁ Guión: José Rubio, Alexis Barroso, Sara Gómez, Carlota Dans, Nina Hernández, Nano López Moure e Manuel Darriba
⦁ Dirección de produción: Paula Fernández
⦁ Dirección de fotografía: Lucía C.Pan
⦁ Música orixinal: Santi Jul e Iván Laxe
⦁ Dirección de arte: Andrea Pozo
⦁ Edición: Lu Rodríguez
Televisión de Galicia ofrece este venres, en directo, a Cabalgata dos Reis Magos

Santiago, 04.01.2023.- Os espectadores da Televisión de Galicia poderán seguir este venres pola tarde, en directo, a chegada dos Reis Magos ás diferentes cidades galegas. A canle pública realizará, a partir das 18:00 h, un programa especial que retransmitirá a cabalgata da Coruña, na que tamén viaxará o autobús da canle infantil, a G2, cos personaxes do ‘Xabarín Club’ e ‘Os Bolechas’. TVG conectará tamén, en directo, cos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol ao longo da tarde.
Na antesala da noite máis máxica do ano para milleiros de nenos e nenas, Trisha Fernández presentará este especial ‘Cabalgata de Reis’ desde o Obelisco da Coruña, con cámaras situadas ao longo dun percorrido que este ano comezará no Barrio das Flores para, desde aí, percorrer as rúas ata a praza de María Pita. Convidados como Paco Lodeiro, Lucía Rodríguez, César Romero ou Fran Cañotas e parte do elenco da serie ‘Saudade de ti’ achegaranse tanto ao set central coma aos diversos puntos en directo para vivir coas súas familias un día tan especial.
As reporteiras Fátima Pego, Carlota Mosquera, Laura Vaqueiro, Tamara Pérez e Miguel Mandayo encargaranse de que os espectadores non perdan detalle das Cabalgatas de Reis deste ano, diferentes en cada cidade. En Vigo a decoración e espectáculos que acompañan as súas maxestades de Oriente xiran arredor do ‘Mar e a Fantasía’, mentres que en Lugo as carrozas teñen como eixo central a viaxe ata Belén. En Pontevedra, os espectadores coñecerán a figura das carboeiras, que cada ano lles lembran aos cativos e cativas que, de portárense mal, levarán carbón. En Ourense asistirán a un espectáculo de fogos de artificio e na vila de Boqueixón estarán cos Bolechas.
Nesta retransmisión, a TVG rescatará a ‘Cabina dos desexos’, que logo do seu paso polos programas especiais de Nadal e Aninovo, estará presente para amosar que lles piden aos Reis Magos os rapaces e rapazas galegos. O programa especial da tarde do 5 de xaneiro rescatará os Cantares de Reis, e coñecerá un grupo de veciños que mantén vivo este costume na vila de Arnoia e unha Carteira Real que realiza o seu reparto en vilas e aldeas do rural. Ademais, porá a proba a grandes e pequenos con divertidas enquisas a pé de rúa, en que terán que responder correctamente preguntas sobre Melchor, Gaspar, Baltasar e a súa gran viaxe.
O ‘Galicia en goles’ da RG arranca o 2024 con tres días de fútbol

Santiago, 28.12.2023.- A primeira semana do 2024 chega chea de deporte, polo que a Radio Galega programou seis días de emisión do ‘Galicia en goles’. A primeira edición estará en antena o martes desde as 18:00 h, coa retransmisión do derbi galego da Primeira RFEF entre o Club Deportivo Lugo e o Celta Fortuna. Vai ser o primeiro partido do adestrador portugués Paulo Alves, que se estrea ante o líder da categoría.
O mércores, tamén a partir das 18:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega fará unha ampla despregadura desde Balaídos para contar o final da primeira volta na Primeira División profesional. O Celta, en postos de descenso e a dous puntos da salvación, recibe o Betis, sétimo clasificado. No programa haberá tamén información do Ponferradina-Arenteiro, da Primeira RFEF, e do primeiro encontro da repesca da Champions de baloncesto entre o Pinar Karsiyaka e o Breogán de Lugo.
Xa o xoves, o ‘Galicia en goles’ volverá comezar ás 18:00 h, para retransmitir desde Riazor o Deportivo-Real Sociedade B, da Primeira RFEF. O equipo donostiarra, que chegou a ser o líder da categoría, visita A Coruña ocupando a cuarta praza, mentres o cadro galego, pese a medrar varios postos nas últimas semanas, segue fóra da promoción de ascenso.
A Liga protagonizará durante tres días a actualidade futbolística, que se centrará na Copa do Rei a partir do venres 5 de xaneiro. Desde as 20:30 h, o equipo deportivo da Radio Galega analizará o calendario da fin de semana, escoitando as conferencias de prensa dos adestradores e a opinión dos especialistas.
O sábado, desde as 15:00 h, o interese pasará polo estadio Anxo Carro, onde o Lugo recibe o Atlético de Madrid. Mentres, o domingo a atención estará posta a partir das 23:45 h en Urritxe co Amorebieta-Celta. Xa pola tarde, desde as 14:45 h, o Rácing de Ferrol-Sevilla converterase na Malata no encontro destacado.
Durante o sábado 6 e o domingo 7, o ‘Galicia en goles’ tamén estará atento ao regreso das competicións de Liga na Segunda e Terceira RFEF, ademais de ofrecer os primeiros partidos do 2024 na Liga ACB de baloncesto. Xunto ás conexións pola FM, os afeccionados terán ocasión de escoitar de xeito íntegro o domingo o Breogán-Granada, ás 12:30 h, e o Barcelona-Obradoiro, ás 17:00 h, a través das plataformas radiogalega.gal e g24.gal/deportes.
'A Radio Conta' volve á RG o 30 de decembro, cun programa desde a Coruña dedicado á Asociación de Bulimia e Anorexia ABAC

Santiago, 26.12.2023.- A Radio Galega participa un ano máis en ‘A Radio Conta’, unha iniciativa en que colaboran todas as emisoras da Coruña, públicas e privadas, o vindeiro 30 de decembro. De 17:00 h a 20:00 h, realizará nun programa de tres horas desde o Teatro Colón. Os coruñeses e visitantes á cidade que queira asistir como público, poderán facelo de xeito gratuíto, acudindo desde as 16:15 h ata o espazo cultural.
A décimo primeira edición de ‘A Radio Conta’ estará dedicada á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC). O público do programa poderá adquirir camisetas, chapas e outros produtos en apoio á entidade, mentres os oíntes poderán facer o seu donativo a través de Bizum (01903).
O xornalista Moncho Viñas conducirá un ano máis o programa, que contará nesta edición coa colaboración do actor David Perdomo, a artista Cristina Pato e o presentador Rodrigo Vázquez, entre outros. Ademais, oíntes e público poderán gozar das actuacións de The Rapants, Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band.
O programa emitirase simultaneamente nas oito emisoras que participan na iniciativa, á que a Radio Galega achega a montaxe técnica. O resto de cadeas participantes son RNE, Radio Coruña Cadena SER, Radio Voz, Onda Cero, COPE, Radio Marca e InterCoruña, así como nas súas respectivas canles de streaming.