TVG lidera a noite do 24 de xullo con case un terzo da audiencia galega nos ‘Fogos do Apóstolo’ - CSAG
TVG lidera a noite do 24 de xullo con case un terzo da audiencia galega nos ‘Fogos do Apóstolo’
O programa foi a emisión máis vista do día en Galicia cunha cota de pantalla do 28,5% e a TVG acadou o minuto de ouro da televisión en Galicia
A Galega liderou o prime time chegando a máis de medio millón de espectadores durante toda a xornada festiva, cun espectacular despregamento de drons en Silgar
Esta noite ás 21:45 h. emitirase unha gala especial ‘Día G-Onde estás ti’ para festexar o 40 aniversario da TVG

Santiago, 25.07.2025.- A Televisión de Galicia consolidou o seu liderado na franxa de maior consumo televisivo da xornada do 24 de xullo, ao situarse como canle máis vista no prime time superando amplamente a todas as súas competidoras. Este éxito vén impulsado principalmente polo programa ‘Fogos do Apóstolo’, que se converteu na emisión máis vista do día en Galicia, acadando unha cota de pantalla espectacular do 28,5%. Así durante a súa emisión, entre as 23:29 h e as 23:50 h, a TVG triplicou a audiencia do seu competidor máis próximo. O programa conseguiu tamén o Minuto de Ouro en Galicia, ás 23:46h, cunha cota do 31,6%, que medrou ata un máximo do 31,8% ás 23:48 h.
Outro dos grandes éxitos da xornada foi a emisión de ‘Mirade Arriba’, que se converteu no produto audiovisual máis visto do día en Galicia en termos de número de contactos, con 275.000 espectadores únicos, o 10,4% da poboación galega maior de 4 anos. O programa acadou unha cota de pantalla do 18,3%.
A programación especial da TVG no Día do Apóstolo tamén destacou polos liderados de:
- ‘Medallas de Galicia’, cunha cota do 13,5%.
- ‘Treixa-Romaría’, cunha cota do 15,6%.
En total, máis de 525.000 galegos, o 20% da poboación maior de 4 anos, seguiron algunha das emisións da TVG durante a xornada do 24 de xullo, confirmando o seu papel como medio de referencia e conexión coa identidade e cultura galegas.
E hoxe segue a festa de Galicia na TVG coa emisión de gala especial do 40 anivesario da Galega a partir das 21:45 h. co espectáculo do ‘Día G-Onde estás ti’.
......................................................