TVG leva a mirada de Galicia ao Parlamento Europeo - CSAG
TVG leva a mirada de Galicia ao Parlamento Europeo
Os dous telexornais emitiranse este mércores integramente desde Estrasburgo, con Marta Darriba e Pablo Muñoz á fronte
A programación especial achegará á audiencia galega os grandes debates comunitarios e analizará a transformación de Galicia tras 40 anos de pertenza á Unión Europea

Santiago, 16.09.2026.- TVG traslada este mércores, 16 de setembro, os seus dous telexornais á sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo. Marta Darriba e Pablo Muñoz encabezarán un dispositivo especial dos servizos informativos para contar a actualidade comunitaria desde unha perspectiva galega e analizar como as decisións e os debates europeos inciden directamente en Galicia.
Baixo a idea “Europa, con mirada galega”, TVG achegará Estrasburgo á audiencia nun ano especialmente significativo: o do 40 aniversario da entrada de España nas Comunidades Europeas. Os informativos analizarán a transformación experimentada por Galicia durante estas catro décadas, pero tamén mirarán ao presente e ao futuro para abordar os retos aos que se enfrontan hoxe Galicia e a Unión Europea.
Os dous telexornais, nas súas edicións de mediodía e serán, emitiranse integramente desde o Parlamento Europeo. Contarán con conexións en directo para seguir a actividade do pleno e a comparecencia da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e ofrecer as claves dos principais asuntos da actualidade comunitaria.
A cobertura terá continuidade no ‘Bos días’, informativo matinal da TVG, que durante tres xornadas conversará con representantes galegos no Parlamento Europeo para analizar a actualidade comunitaria e as súas consecuencias para Galicia. Este mércores, ás 10:00 horas, foi entrevistado Francisco Millán Mon, do PP; o xoves 17 será a quenda de Nicolás González Casares, do PSdeG; e o venres 18, de Ana Miranda, do BNG.