div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

TVG e a Radio Galega presentan a temporada de baloncesto nun especial cos adestradores dos equipos galegos

O especial ‘En Xogo’ emítese o xoves pola tarde na G2 e quedará dispoñible despois na plataforma AGalega.gal

E o domingo, primeira retransmisión da Liga Endesa ás 11:45 h do Breogán-Joventut desde o Pazo de Lugo

csag.gal 22/09/2026 15:58

Santiago, 22.09.2026.-   A segunda canle da Televisión de Galicia emite este xoves (16:15 h) unha edición especial de ‘En Xogo’ dedicada ao comezo da temporada de baloncesto. O baloncesto de elite volve á súa casa, á TVG, cunha oferta histórica de cobertura dos equipos galegos na Liga Endesa e competicións europeas durante as próximas dúas temporadas e este espazo repasará as claves da temporada. No programa interveñen Tito Díaz, director deportivo do Breogán, xunto cos adestradores do Básquet Coruña (Carles Marco), Obradoiro (Diego Epifanio, ‘Epi’), Celta Baloncesto (Cristina Cantero), Ensino Lugo (Suso Garrido) e Baxi Ferrol (Lino López).

O especial estará presentado por Óscar Benito, coa colaboración de Pedro Pablo Alonso, que será o narrador de todos os partidos de baloncesto na TVG, e de Roberto Carlos Carballo, condutor da programación deportiva da fin de semana na RG.

Os medios públicos galegos reforzan a súa aposta pola competición con retransmisións semanais, un partido de ACB con presenza galega os domingos ao mediodía na TVG e AGalega.gal, e un encontro de Liga Feminina cada xornada con representante galego nas tardes da fin de semana, na G2 e AGalega.gal. A cobertura complétase con información das dúas categorías no ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega, que se pode escoitar na FM e na plataforma AGalegaAudio.gal.

O dato que resume a magnitude do baloncesto galego na actualidade é que hai décadas que a nosa comunidade non contaba con tres equipos na elite de cada división. Nos anos 90, a liga masculina contou co Oar Ferrol, CaixaOurense e Breogán e na feminina chegaron a coincidir Xuncas Lugo, Autopistas Coruña e Celta.

Primeira retransmisión, o domingo: Breogán-Joventut desde Lugo

Os afeccionados ao baloncesto poderán seguir este domingo a retransmisión a partir das 11:45 h do partido Breogán-Joventut, desde o Pazo de Lugo. Os seareiros verán en acción o novo proxecto do equipo de Lugo diante do recente campión da Supercopa de España. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade