Sedución, responsabilidade afectiva e poliamor, coa xornalista Noemí Casquet e co actor Luís Iglesia, esta noite en 'Malas Pécoras' - CSAG
Sedución, responsabilidade afectiva e poliamor, coa xornalista Noemí Casquet e co actor Luís Iglesia, esta noite en 'Malas Pécoras'
O programa explora as claves da atracción e os segredos do desexo coa sexóloga Lucía Álvarez, ao tempo que Roi Méndez volve intervir como Detective Sexual

Santiago, 04.07.2026.- ‘Malas Pécoras’ recibe este sábado, ás 22:00 h, a xornalista e divulgadora sexual Noemí Casquet (@mamacasquet) e o actor Luís Iglesia (@luisiglesiab) para unha nova noite de humor, confidencias e conversas sen filtros sobre sexo, desexo e relacións. María Mera e Eva Iglesias volverán abordar temas que moitas persoas se preguntan, pero poucas se atreven a comentar en voz alta.
Existe unha fórmula para seducir? Pode unha voz resultar realmente irresistible? E que pasa cando o desexo cambia co paso do tempo? Ao longo da noite, os convidados compartirán experiencias persoais e participarán en xogos e retos que prometen momentos tan sorprendentes como divertidos.
Como xa é habitual, o Test das Pécoras volverá poñer a proba os convidados con preguntas sobre primeiras veces, rupturas, fantasías e confesións inesperadas. Ademais, haberá espazo para xogos tan cómicos como un experimento co público, en que os convidados terán que poñer a proba as súas habilidades de sedución e comprobar se son capaces de acelerar as pulsacións dunha voluntaria. Conseguirano?
Nesta entrega tamén haberá espazo para falar das relacións non monógamas, unha realidade cada vez máis visible na sociedade. Que significa realmente abrir unha parella? Pode existir a infidelidade nunha relación aberta? E cales son os erros máis frecuentes cando se intenta explorar este tipo de vínculos? Para responder a estas cuestións visita o programa a psicóloga e sexóloga Lucía Álvarez.
Pola súa banda, Roi Méndez volve converterse en Detective Sexual cun caso que promete revolucionar o programa. Un rumor apunta a que unha coñecida persoa da televisión galega contrataría habitualmente strippers para festas privadas. Ata onde será capaz de chegar Roi para descubrir a verdade? E conseguirá resolver o misterio antes de que remate a noite?
Ademais, unha fotografía inédita de Luis Iglesia dará pé a unha das incógnitas máis comentadas do programa. Verase finalmente a imaxe? Ou quedará todo na imaxinación dos espectadores?
Sedución, voces capaces de acelerar as pulsacións, novas formas de entender as relacións, investigacións imposibles e moitas risas nunha nova entrega de ‘Malas Pécoras’, o programa que se atreve a falar do que todo o mundo comenta.