Primeiras imaxes de 'Decorado', a nova película de animación de Alberto Vázquez, participada pola TVG - CSAG
Primeiras imaxes de 'Decorado', a nova película de animación de Alberto Vázquez, participada pola TVG
O filme terá a súa estrea mundial a finais de setembro na Sección Oficial do Fantastic Fest de Austin, pasará por Otawa, Sitges e Londres e chegará aos cinemas españois o 24 de outubro
O director de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das certezas

Santiago, 09.09.2025.- O tráiler de ‘Decorado’, o novo e agardado traballo de Alberto Vázquez, que conta coa participación da Televisión de Galicia, xa está dispoñible. As primeiras imaxes desta longametraxe de animación, que combina sátira, surrealismo e humor negro para mergullarse nunha realidade inquietante e absurda, chegaron este martes á TVG.
Cun estilo visual único e un enfoque mordaz sobre a existencia humana, o director, ilustrador e debuxante Alberto Vázquez, responsable de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ e gañador de catro Premios Goya, asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. Trátase dunha obra tan provocadora como fermosa, destinada a converterse nunha das películas de animación máis aclamadas e sorprendentes do ano.
‘Decorado’ terá a súa estrea mundial na Sección Oficial do Fantastic Fest, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, que se celebrará do 18 ao 25 de setembro en Austin (Texas, EE. UU.). Ottawa será a seguinte parada, en Sitges terá a súa estrea española, e o filme continuará o seu percorrido no BFI, o London Film Festival. Finalmente, o 24 de outubro chegará aos cinemas españois da man de Barton Films.
O protagonista da cinta, un cidadán aparentemente corrente, comeza a sospeitar que todo ao seu arredor -o seu traballo, a súa parella, a súa cidade- forma parte dunha xigantesca farsa. O que comeza como unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.
Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, ‘Decorado’ é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata.
A prestixiosa distribuidora Le Pacte encargarase das vendas internacionais da película. O proxecto conta co respaldo de RTVE, ETB, TVG, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Bizkaia.