Pontevedra-Celta Fortuna, derbi provincial este sábado ás 16:15 horas na segunda canle da TVG - CSAG
Pontevedra-Celta Fortuna, derbi provincial este sábado ás 16:15 horas na segunda canle da TVG
O domingo, ás 18:15 h, decisivo Obradoiro-Estudiantes polo ascenso á Liga ACB

Santiago, 24.04.2026.- As retransmisións deportivas da fin de semana comezan o sábado ás catro e cuarto da tarde na segunda canle da Televisión de Galicia. O estadio de Pasarón acolle o que promete ser un dos derbis máis intensos do fútbol galego nesta temporada na Primera RFEF, co enfrontamento entre o terceiro e o segundo clasificados do grupo primeiro. Os dous veñen de golear a semana pasada e mentres o Pontevedra necesita a vitoria para manter as diferenzas cos perseguidores, o Celta Fortuna ten practicamente atada a súa presenza na fase de ascenso á Segunda División profesional.
Logo do fútbol chegará unha sesión dobre de motor. ‘Trata de arrancalo’ convida no estudio a Raquel Triñanes, copilota de Nuria Pons no Supercampionato. Dani Berdomás, mentres, falará do liderado no campionato galego tras as primeiras probas da temporada. Ao remate, ‘Contra o crono’ ofrecerá unha edición monográfica do Rally de Noia disputado a semana pasada.
AGalega.gal reserva unha canle de directo ás seis da tarde para unha das xoias do deporte autóctono, o fútbol gaélico. O campo Ana Peleteiro é o escenario das finais da Copa Galega nunha tarde que une a herdanza cultural irlandesa coa identidade e a paixón deportiva de Galicia. A final feminina principia ás seis e a partir das sete menos cuarto poñerase en xogo o título masculino.
A noite do sábado vivirá a cita máis transcendente para o balonmán galego, que os espectadores poderán seguir a través da G2 e de AGalega.gal. O pavillón da Sangriña rodearase dun espectacular ambiente ás oito e media da tarde, cando o Mecalia Atlético Guardés reciba o Costa del Sol Málaga no partido de volta das semifinais da EHF European Cup, a terceira competición europea de clubs no balonmán feminino. O Guardés chega a este decisivo encontro cun valioso resultado obtido na ida, con vitoria por 24-26 despois de ter ata seis goles de vantaxe na segunda parte antes de que o Málaga recortase na recta final.
Xa o domingo, AGalega.gal servirá ás doce do mediodía outra cita co multifútbol da Segunda RFEF. O Bergantiños F. C. recibe a U. D. Ourense no campo das Eiroas, en Carballo. Os locais, novenos con 45 puntos, afrontan o partido ante un rival que ocupa o terceiro posto con 51 puntos e que non pode deixar escapar puntos se quere manter vivas as súas opcións de ascenso. Ao mesmo tempo, o Deportivo Fabril recibe o Real Valladolid Promesas no campo Arsenio Iglesias sen a presión dos puntos, xa que desde hai dúas semanas está ascendido á Primeira RFEF.
Pola tarde, o Multiúsos Fontes do Sar será desde as seis e cuarto por G2 e AGalega.gal o punto de directo ao que mirará todo o baloncesto da Primeira FEB. Os santiagueses dependen de si para regresar á máxima categoría, pero tras a derrota en Burgos o pasado martes están obrigados a gañar os tres encontros que restan do campionato regular.
O peche da fin de semana deportiva chega na noite do domingo coa edición de ‘En Xogo’, o magazine deportivo de referencia. O programa ofrecerá os resumos e as mellores imaxes dos encontros Vilarreal-Celta e Burgos-Deportivo, da man de Gustavo Varela e cos comentarios de Dani Mallo, Roberto Lago e Xabier Rodríguez Campos. O programa emitirase pola segunda canle ás dez e media da noite e pasada a medianoite a través da TVG.
Ao longo de toda a fin de semana, G24.gal e as redes sociais de ‘En Xogo’ manterán informada a afección coas historias máis divertidas, curiosas e atractivas do deporte galego e internacional. Contidos exclusivos, momentos virais e todo o que pasa fóra do campo, ao alcance dun clic.