O tema 'Fogar', de Hugo Torreiro, gaña o concurso da Canción de Nadal da CSAG - CSAG
O tema 'Fogar', de Hugo Torreiro, gaña o concurso da Canción de Nadal da CSAG
O xurado elixiu esta proposta do cantante e compositor coruñés, que se deu a coñecer en ‘Recantos’, o coñecido concurso do programa ‘Luar’
‘Fogar’ é unha canción de Nadal moi apegadiza e cunha letra emotiva que soará durante as festas nas canles dos medios públicos galegos

Santiago, 16.12.2025.- O tema ‘Fogar’, de Hugo Torreiro, é o gañador do concurso da Canción de Nadal da CSAG deste 2025. ‘Fogar’ será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas á audiencia, xa que poderá escoitarse na TVG, a Radio Galega e nas redes sociais da Corporación durante todo o Nadal.
O cantante e compositor Hugo Torreiro, natural do concello coruñés de Cambre, é coñecido dos espectadores da Televisión de Galicia, xa que se deu a coñecer tras ser finalista no concurso ‘Recantos’ de ‘Luar’. Polo seu triunfo nesta undécima edición do concurso musical de Nadal recibirá un premio económico de 1.500 euros.
Os membros do xurado destacaron a gran variedade de proxectos que se presentaron ano ao concurso en canto a estilos musicais, desde os máis tradicionais, como foi o caso do gañador, ata propostas máis modernas, próximas ao reguetón ou ao trap.
O xurado, composto polo subdirector de Formatos e Contratación de Contidos da CSAG, Javier Lopo; a xefa de Xestión Operativa de Programas, Natalia Penas; a xefa do Servizo de Contidos, Montse Besada; o xornalista Carlos Amado e o locutor da Radio Galega e experto musical Moncho Lemos, elixiu por unanimidade esta proposta, da que destacaron que se trata dunha canción moi apegadiza e cunha letra moi emotiva que recolle a morriña do Nadal, e tamén seleccionou outras catro finalistas.