'Os crononautas' amosa esta noite como os castelos e os mosteiros marcaron o rumbo da Galicia medieval - CSAG
'Os crononautas' amosa esta noite como os castelos e os mosteiros marcaron o rumbo da Galicia medieval
Entre nobres ambiciosos, monxes influentes e construcións que dominaron a paisaxe durante séculos, David Vilares e Trisha Fernández explorarán un tempo en que o poder se erguía en pedra, entre fortalezas militares e centros de fe

Santiago, 15.10.2026.- Castelos inexpugnables, mosteiros poderosos e reis que buscaban controlar Galicia. No programa deste xoves, ‘Os Crononautas’ (22:45 h) da TVG viaxarán á Idade Media para descubrir como fortalezas e comunidades monásticas modelaron o territorio, a economía e a política do país. Entre nobres ambiciosos, monxes influentes e construcións que dominaron a paisaxe durante séculos, David Vilares e Trisha Fernández explorarán unha Galicia de pedra, fe e poder.
Nos inicios da Idade Media, ao amparo do Reino Suevo, Galicia contempla o nacemento dos primeiros mosteiros, uns espazos de recollemento, oración e traballo, onde os monxes conservan o saber e organizan a vida arredor da terra e da fe. Case ao mesmo tempo, énchese de fortalezas que dominan o territorio e que non só tiñan un uso defensivo, xa que eran tamén símbolo de poder, control e autoridade.
Deste xeito, ‘Os Crononautas’ viaxarán a un tempo en que o poder se erguía en pedra, entre fortalezas militares e centros de fe. Nesta apaixonante aventura, descubrirán como se vivía dentro dos muros dun castelo e tamén o papel dos mosteiros, verdadeiros motores espirituais, culturais e económicos. Ademais, entenderán como estes dous mundos -o da guerra e o da fe- marcaron o rumbo da Galicia medieval.