O programa da TVG 'Soltando estacha', recoñecido co Premio Deporte Galego ao mellor labor informativo de 2024 - CSAG
O programa da TVG 'Soltando estacha', recoñecido co Premio Deporte Galego ao mellor labor informativo de 2024
Xunto a este espazo, dedicado á Liga Galega de Traiñeiras, foron distinguidos deportistas tan importantes como Teresa Abelleira, Adrián Ben, Rodrigo Corrales, Melania Rodríguez, Jorge Prado, Susana Rodríguez Gacio e Adiaratou Iglesias
A gala de entrega dos Premios Deporte Galego 2023-2024 celebrarase o vindeiro mércores 10 de setembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

Santiago, 03.09.2025.- O programa da TVG ‘Soltando estacha’, dedicado ao seguimento da Liga Galega de Traiñeiras, foi galardoado co Premio Deporte Galego ao mellor labor informativo de 2024, segundo o anuncio da Secretaría Xeral para o Deporte feito público este mércores.
Estes premios, que recoñecen os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia, distinguen 25 persoas ou entidades nas 19 categorías de 2023 e 23 nas mesmas categorías de 2024. A gala de entrega de galardóns celebrarase o vindeiro 10 de setembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
Entre os premiados están tamén Rodrigo Corrales, porteiro da selección española de balonmán e do Veszprém húngaro, e Jorge Prado, catro veces campión do Mundial de Motocrós nas categorías MX2 e MXGP, que serán distinguidos como os mellores deportistas masculinos de 2024, mentres que a ximnasta Melania Rodríguez será premiada como mellor deportista feminina. Ademais, a selección galega UEFA de fútbol e o Celta Femxa Zorka e o Baxi Ferrol de baloncesto recibirán os premios aos mellores equipos.
En canto ao 2023, a futbolista Teresa Abelleira, xogadora do Real Madrid, e o atleta Adrián Ben recollerán o premio aos mellores deportistas dese ano, do mesmo xeito que os atletas Gustavo Dacal, Susana Rodríguez Gacio e Adiaratou Iglesias, como mellores deportistas con discapacidade. No que atinxe ao deporte por equipos, foron recoñecidos o Club Deportivo Burela Fútbol Sala, en categoría feminina, e o Club Básquet Leyma Coruña, na masculina.
O xurado cualificador dos Premios Deporte Galego 2023-2024 destacou a dificultade das decisións destes recoñecementos, que tiveron en conta a realidade do deporte galego durante estes dous últimos anos, en que ratificou a súa posición como referente nacional e internacional.