O programa 'Bicos e bicas' viaxa polo país na procura do polbo preferido polos galegos - CSAG
O programa 'Bicos e bicas' viaxa polo país na procura do polbo preferido polos galegos
Representantes do Carballiño, A Illa de Arousa, Melide e Mugardos defenden esta noite a súa localidade como o mellor lugar para comer o cefalópodo en Galicia

Santiago, 16.8.2025.- O programa ‘Bicos e bicas’ (22:00 h), capitaneado por Arturo Fernández, sae este sábado á procura do lugar preferido de Galicia para comer polbo. Catro localidades, da costa e do interior, aspiran a obter o recoñecemento reivindicando distintas formas de elaborar un dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega. Os espectadores coñecerán todos os segredos da elaboración do polbo e da súa historia.
Desde O Carballiño e Melide chegarán ao estudio, situado no pazo da Almuzara, en Boborás, dous equipos de defensores do tradicional polbo á feira, cada un cos seus argumentos para convencer os catadores do programa. Desde A Illa de Arousa e Mugardos buscarán o recoñecemento para dúas receitas alternativas con moito arraigamento nas súas respectivas tradicións culinarias.
O veredicto final estará composto polos datos dunha macroenquisa con cuestións fundamentais sobre a elaboración do polbo como: mellor con cachelos ou sen cachelos? Con picante ou sen picante? que tire a duro ou a brando? Ademais, terase en conta a opinión dunha mesa de catadores VIP composta por actores e actrices da serie da TVG ‘Saudade de ti’, como María Tasende ou Fernando Morán, entre outros.
A cantante Merche e a banda Festicultores Troupe encargaranse de poñer a música ao ‘Bicos e bicas’ deste sábado.
