div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O mércores e o xoves, edicións especiais de 'Galicia en Goles' cos partidos da Copa do Rei Salamanca-Celta e Auriense-Deportivo

Desde as 20:00 h, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal despregarán amplas coberturas nos estadios Helmántico e O Couto

csag.gal 27/10/2026 17:00

Santiago, 27.10.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal programan para esta semana dúas edicións especiais de ‘Galicia en Goles’ coa retransmisión dos partidos da Copa do Rei en que interveñen os dous equipos galegos da Primeira División.

O mércores, desde as 20:00 h, a atención estará posta no estadio Helmántico, co enfrontamento entre o Salamanca UDS e o Celta de Vigo. O equipo charro, que compite na Segunda Federación, é sétimo do grupo 5 con 13 puntos en oito xornadas, despois de caer o domingo por 2-1 en Talavera. Hai  dous anos, o equipo vigués superara con facilidade a eliminatoria ao gañar por 0-7. 

O Celta chega cunha traxectoria irregular no campionato de liga, aínda que nas últimas semanas está escalando postos e xa é noveno con 12 puntos (2 vitorias, 6 empates e 2 derrotas) tras igualar 0-0 o domingo ante o Betis en Balaídos. Na Europa League, despois de caer ante o Omonia (1-0) e a Juventus (2-1), reaccionou o xoves pasado cun triunfo por 1-2 en Glasgow ante o Celtic, con dobrete de Javi Rodríguez.

Durante o programa, o ‘Galicia en Goles’ conectará tamén co campo do Vao, onde o Coruxo disputa a clasificación ante o Zamora. Ademais, haberá tempo para actualizar a información do baloncesto feminino galego, xa que o Ensino recibe en Lugo o Panserraikos de Grecia na terceira xornada da Eurocup.

O xoves, tamén a partir das 20:00 h, os oíntes poderán seguir o partido entre o Auriense e o Deportivo da Coruña. O equipo das Burgas vivirá un día histórico, xa que nunca se medira a un rival da Primeira División. A súa chegada a este torneo produciuse tras gañar a Supercopa de Galicia na final contra o Negreira e superou a previa ante o San José de Soria. Na Preferente grupo 2 ocupa a zona media-baixa da táboa, con 6 puntos en sete xornadas.
    
O Deportivo é décimo na Primeira División, con 11 puntos (2 vitorias, 5 empates e 3 derrotas) e suma xa seis xornadas sen gañar. O pasado sábado perdeu no Metropolitano ante o Atlético de Madrid co gol de Julián Álvarez no minuto 47, aínda que os coruñeses puideron empatar na última xogada tras deter Oblak un disparo de Kevin Sánchez.

Antes de que comece o Auriense-Deportivo, a Radio Galega estará no salón de actos Fuxan os Ventos de Lugo coa celebración da Gala do Deporte Galego, organizada pola Xunta de Galicia. Entre os premiados figuran o adestrador do Celta, Claudio Giráldez; a atleta olímpica Ana Peleteiro, e o xornalista da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia Terio Carrera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade