O exfutbolista do Celta Patxi Salinas regresa a Galicia con 'A grande escolla' na procura do rabaño perfecto para a súa leira en Euskadi - CSAG
O exfutbolista do Celta Patxi Salinas regresa a Galicia con 'A grande escolla' na procura do rabaño perfecto para a súa leira en Euskadi
Noelia Rey proporalle tres opcións de animais con selo de calidade galego cos que poderá armar unha boa manda: ovella, cabra e porco celta

Santiago, 21.4.2026.- O programa ‘A Grande Escolla’ (22:40 h) ten hoxe unha nova cita na TVG para buscar nesta ocasión o rabaño perfecto para un famoso exfutbolista con anhelos de pastor. Patxi Salinas, cuxa carreira futbolística non se entende sen o seu paso por Galicia e polo Celta de Vigo, regresa á nosa terra na procura dun rabaño para un retiro tranquilo na súa leira en Euskadi.
Así pois, o obxectivo desta semana de Noelia Rey será atopar tres animais con selo de calidade galego cos que esta celebridade poida armar unha boa manda. Para isto percorrerá Galicia na procura da proposta ideal. Despois de moito filtrar, elixirá tres rabaños de tres razas moi diferentes, pero só un deles viaxará ao País Vasco canda Patxi Salinas.
Desde Nogueira de Ramuín, David González traerá un rabaño de ovella galega, raza autóctona salvada da extinción. É unha manda de 60 ovellas moi ben guiadiñas, apreciada non só pola súa carne, senón pola súa lá. De Moaña chegarán Susa Rúa e o seu impresionante rabaño de 160 cabras. Non hai segadora nin fertilizante que lle fagan fronte a este fatado con cornos.
Finalmente, Lucas Cabanelas proporá desde Cenlle unha fermosa grea de porco celta, 15 cochos de pura raza que son o exemplo de alta calidade cárnica, sostibilidade e identidade. Son animais rústicos que poden acadar os 150 quilos de peso, e, aínda que non sexan de Vigo, estes celtas prometen darlle tamén moitas alegrías ao famoso desta semana.
