O 'Especial San Roque 2026' percorre Galicia, a través dunha das súas festas máis emblemáticas do verán - CSAG
O 'Especial San Roque 2026' percorre Galicia, a través dunha das súas festas máis emblemáticas do verán
Desde Betanzos, Lucía Rodríguez contactará tamén coa Festa da Auga de Vilagarcía, a Romaría de San Roque en Vigo, as Danzas do Hío e as actuacións das orquestras Panorama e Olympus, entre outras

Santiago, 16.8.2026.- A TVG achega esta noite o ‘Especial San Roque 2026’ (22:20 horas), un percorrido en directo polas localidades galegas onde esta celebración se vive con maior intensidade, con milleiros de persoas reunidas arredor da tradición e a festa. Desde Betanzos, un dos grandes referentes da xornada, Lucía Rodríguez será a encargada de conducir unha ampla cobertura, que permitirá descubrir as variadas maneiras de festexar esta data no país.
Amais, a presentadora contará cun equipo de reporteiros desprazados por distintos puntos da comunidade: Óscar Cruz, en Betanzos; Adela Bértolo, en Vigo; Miguel Mandayo, en Monforte de Lemos, e Alba Moledo, en Viveiro.
Cómpre salientar a presenza deste especial en Vilagarcía de Arousa, onde gozará da súa divertida Festa da Auga, unha das citas máis multitudinarias e singulares do verán galego, e visitará Cervo para coñecer o ambiente da súa popular Festa do Ovo Frito.
Como en toda festa que se prece, a música terá un papel relevante. As cámaras da TVG acompañarán desde Melide a actuación da emblemática orquestra Panorama, mentres que en Cedeira asistirán á actuación da Olympus.
Pero o San Roque é tamén romaría e devoción popular. Por iso, o programa estará presente no Hío para mostrar as súas Danzas ancestrais e na Romaría de San Roque en Vigo, unha das máis antigas de Galicia.
Entre conexións en directo, música, tradicións e historias humanas, o ‘Especial San Roque 2026’ converterase nunha gran ventá aberta á Galicia festiva, ofrecendo unha completa panorámica dunha celebración que forma parte da identidade cultural e emocional do país.