O ‘En xogo’ céntrase na noite do domingo nos partidos Celta-Barça e Deportivo-Leonesa - CSAG
O ‘En xogo’ céntrase na noite do domingo nos partidos Celta-Barça e Deportivo-Leonesa
A G2 retransmite o sábado o Arenteiro-Rácing de Ferrol e o Ourense C. F.-Orihuela

Santiago, 7.11.2025.- A primeira canle da Televisión de Galicia emite este domingo, a partir das once menos dez da noite, unha nova entrega do ‘En xogo’. Sevi Martínez reúne nesta xornada a Roberto Lago, Dani Mallo, Javier Guillén, Alejandro Reza e Xabier Rodríguez Campos para debater sobre os resultados dos nosos equipos no fútbol profesional.
Xusto no comezo do programa, o primeiro punto de directo será o estadio municipal de Balaídos, onde se disputa o Celta-F. C. Barcelona da Primeira División. Xunto ao resumo do sucedido sobre o céspede chegarán as declaracións na sala de prensa do adestrador Claudio Giráldez e Tomás Alonso recollera a saída dos seareiros para que opinen da actuación dos futbolistas celestes.
Outro dos partidos atractivos da fin de semana é o Deportivo da Coruña-Cultural Leonesa. Unha vitoria herculina e a combinación doutros marcadores pode levar de novo ao equipo de Antonio Hidalgo á zona privilexiada da clasificación, co ascenso directo como obxectivo. O mes de novembro vai estar protagonizado polo Deportivo nas emisións deportivas da Televisión de Galicia. A primeira canle ten programada para o domingo 16 ás 18:30 a visita ao estadio Arcángel para medirse ao Córdoba e o sábado 29, tamén ás 18:30, ofrecerá o enfrontamento do cadro coruñés no Carlos Belmonte ante o Albacete.
Retransmisións na G2
A segunda canle da Televisión de Galicia reserva a grella da tarde deste sábado para o fútbol galego. A partir das catro e cuarto, desde Espiñedo, emitirá o derbi galego da Primeira RFEF entre o Arenteiro do Carballiño e o Rácing de Ferrol. Mentres os locais necesitan puntos para escapar da zona de descenso, os departamentais están obrigados a recuperar o crédito perdido nas dúas últimas semanas ante o Celta Fortuna e o Tenerife, dous rivais directos polo ascenso á Segunda División.
A partir das seis e media da tarde, as cámaras da G2 e da plataforma AGalega.gal estarán no estadio do Couto, onde o Ourense C. F. disputa a final da Copa Federación ante o Orihuela. Os das Burgas atravesan polo mellor momento da temporada, tras eliminar ao Oviedo na Copa do Rei e derrotar ao Arenas de Getxo na Liga da Primeira RFEF.
A Segunda RFEF en AGalega.gal
Os afeccionados ao fútbol da Segunda Federación teñen cada fin de semana unha ventá aberta na plataforma AGalega.gal. O domingo, ás doce do mediodía, o protagonismo será desde o campo Arsenio Iglesias de Abegondo para o derbi de veciños entre o Fabril Deportivo e o Bergantiños de Carballo. Pola tarde, ás cinco, o campo do Vao acollerá o Coruxo-Lealtad de Villaviciosa.